A portavoz de Comercio do Grupo Socialista, Leticia Gallego, denunciou hoxe a “falla clamorosa de planificación e sobre todo de xestión” nas axudas do goberno galego aos comerciantes galegos. Gallego trasladou o malestar do sector á comparecencia do director xeral de Comercio, hoxe en Comisión parlamentaria, onde sinalou que o retraso nas axudas da Xunta impídelle aos comerciantes rematar coa tramitación a tempo.
“Os centros comerciais abertos, asociacións de comerciantes e mercados teñen que xustificar as subvencións a 30 de outubro e a día de hoxe, 20 de outubro, non as teñen resoltas e as entidades non saben a cantidade que se lles vai conceder”. Así resumiu Gallego a situación á que se enfronta o sector polo desleixo do goberno galego, antes de poñer en dúbida que o goberno galego improvisara hoxe un aprazamento nas datas.
Acusou á Xunta de “impedirlles aos comerciantes planificar as accións para levar a cabo con tempo suficiente e xustificalas en prazos imposibles, provocando improvisación, que é o que menos precisan neste momento de crise económica”. Reivindicou un apoio “contundente e firme para salvar ao sector”, fronte a un goberno “na improvisación constante e a xestión nula, como demostra a pésima execución dos orzamentos do sector”.
Sinalou que, na primeira metade do ano, o goberno galego “tan só executou o 7 por cento do orzamento dispoñible para a ordenación, regulación e promoción do comercio de Galicia”, cando os comerciantes “necesitan respaldo para poder reabrir, xerar emprego e ter ingresos cada mes”.
Con este panorama, sinalou, “dificilmente vamos recuperar un sector que só en xaneiro perdeu 836 negocios, 25 ao día”, unha cifra que fai palidecer as cifras anteriores, e iso que en 2020 xa pecharan 1.384 negocios, e en 2019, antes da pandemia, outros 1.073, a unha media de seis cada día. Alertou de que a propia Federación Galega de Comercio estima 2021 podería pechar coa desaparición de entre o 20 e o 25 por cento dos comercios galegos.
Medidas
Gallego reclamoulle ao goberno galego que despregue “máis xestión e máis planificación” para apoiar ao sector, xestionando unhas subvencións que “chegan tarde, mal e arrastro”, e reclamou un plan de reapertura dos pequenos negocios pechados pola pandemia, así como un plan de axudas específicas para o mantemento do emprego no sector comercial. Reivindicou campañas específicas para a promoción do apoio ao comercio local durante todo o ano.
A responsable socialista despregou unha serie de propostas para o apoio do sector, que inclúen entre outras o fomento da formación continua do sector, e o fomento da promoción das plataformas de dixitalización online do comercio galego, e o incremento da cantidade das subvencións, así como o incremento das axudas económicas para emprendedores e un programa de renovación xeracional.