A deputada socialista solicitou un aumento na cantidade das subvencións a asociacións e federacións, medidas de asesoramento e formación ou un programa de relevo xeracional
A portavoz de Comercio e Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, denunciou hoxe a “mala xestión” e “o pouco que lle importa á Xunta” o sector do pequeno e mediano comercio en Galicia. Como mostra desta falla de compromiso, a deputada do PSdeG que a partida para o sector dentro dos orzamentos do ano que vén baixe en máis de cinco millóns de euros, o que, ao mesmo tempo, demostra que “o comercio non é un sector estratéxico para a Xunta”.
De maneira paralela, Leticia Gallego sinalou que, “por se isto fóra pouco”, no primeiro semestre do ano, a Xunta só executou o 7 por cento do orzamento para ordenación, regulación e promoción do comercio de Galicia. Con datos como estes, “o goberno de Feijoo amosa unha despreocupación total polos nosos comerciantes nesta etapa que estamos a vivir”.
Leticia Gallego realizou estas afirmacións durante a súa intervención no Parlamento de Galicia, onde se debatía unha proposición non de lei do PSdeG na que se solicitaban medidas de apoio ao sector. O PP votou en contra de incrementar do orzamento no programa de ordenación, regulación e promoción do comercio interior.
Con todo, si apoiaron o resto das propostas que se recollían na proposición non de lei do PSdeG. En concreto, instar á Xunta a fomentar a orientación, información e asesoramento ao sector comercial galego, así como a formación continúa en dixitalización no sector do comercio “para que non quede atrás”.
Tamén se respaldou a proposta socialista para elaborar campañas e promocións para que a xente moza merque no pequeno e mediano comercio e un programa para fomentar o relevo xeracional no sector.
Leticia Gallego lembrou que “con carácter xeral” os comercios de Galicia tiveron unhas perdas superiores ao 20 por cento, “que xa comprometen en moitos casos a viabilidade do proxecto comercial”. Para máis, “a media de perdas acadadas sitúase entre o 30 e o 40 por cento”.
Neste escenario, Gallego recordou que no 2020 pecharon 1.384 negocios de traballadores autónomos en Galicia, e que en 2021 están a empeorar todos os marcadores rexistrados. Así, só no mes de xaneiro deste ano pecharon 836 negocios, unha media de 25 peches ao día.
Con este pano de fondo, Leticia Gallego instou á Xunta a actuar para “favorecer a reactivación económica de Galicia cando comezamos a camiñar cara á nova normalidade”. Neste obxectivo, considerou fundamental axudar ao comercio de proximidade e aos autónomos, que “necesitan respaldo para poder reabrir, xerar emprego e posibilitar que as familias teñan ingresos mes a mes”.
AUMENTO DAS AXUDAS PARA ASOCIACIÓNS E FEDERACIÓNS DE COMERCIO
Con este obxectivo, a deputada socialista enumerou as propostas do PSdeG co “ánimo de cooperar para axudar a saír desta crise ao sector do pequeno e mediano comercio”. Entre elas, reclamábaselle ao goberno galego un aumento na cantidade das subvencións para as asociacións e federacións do pequeno e mediano comercio, xa que “a falta de liquidez das asociacións non lles permite levar a cabo as accións que o comercio precisa nesta situación de crise económica”.
Nesta liña, Leticia Gallego subliñou que as axudas para reducir o impacto da covid resultaron “totalmente insuficientes, incluso ínfimas, e chegaron moi tarde”. De feito, “o único que fixo goberno de Feijoo foi o Bono Activa Comercio, que non está a ter toda a eficacia que se cría” e por iso se viron obrigados a ampliar o prazo.
Ao fío disto, Leticia Gallego tamén puxo en evidencia a “indignación das asociacións e federacións de comerciantes” pola lentitude da administración á hora de conceder as subvencións convocadas este ano. Esta circunstancia propiciou que a resolución de varias convocatorias se comunicase a poucos días de que rematase o prazo para xustificalas.