Deulle hoxe voz ás reivindicacións e ao malestar da veciñanza dese municipio e volveulle esixir ao goberno galego que restitúa as urxencias na Casa do Mar ou que reforce de inmediato o persoal de atención primaria
A deputada socialista Leticia Gallego lamentou hoxe a nula de vontade da Xunta á hora de resolver os numerosos problemas que vive a sanidade pública no concello de Moaña e que, a día de hoxe, constitúe “o principal problema das veciñas e veciños dese municipio”.
A parlamentaria do PSdeG trasladou as demandas dos homes e mulleres desta vila a través dunha pregunta na Comisión de Sanidade. Alí o xerente do Sergas foi incapaz de aclarar cando se vai dar cumprimento a algunhas das peticións realizadas polo Grupo Socialista, como que se restitúan de inmediato as urxencias médicas na Casa do Mar de Moaña, que se incremente o persoal de atención primaria ou que se habilite unha ambulancia de reforzo.
Fronte a estas reivindicacións da veciñanza e que o PSdeG xa trasladou noutras ocasións ao Parlamento, o goberno galego segue a botar balóns fóra, a terxiversar a realidade ou a dar a calada por resposta. Por iso, Leticia Gallego lamentou que o xerente do Sergas siga sen dar unha solución ao problema das urxencias ou a concretar cando se van incorporar os tres médicos para a quenda de tarde que se anunciaron hai uns días.
Isto sucede nun contexto no que, ademais, hai uns días “Feijoo e Rueda se pasearon por Moaña para facerse a foto, pero sen achegar ningunha solución ás eivas da sanidade pública no municipio”. “Unha vergoña”, concluíu Leticia Gallego antes de engadir que “as veciñas e veciños de Moaña non merecen ser cidadáns de segunda”.
Neste escenario, Leticia Gallego lembrou que en marzo de 2020, por mor da pandemia, o Sergas decidiu que en Moaña non houbese servizo de urxencias, derivando aos pacientes a Cangas. “A veciñanza entendeu que era unha medida transitoria”, explicou, “pero xa non comprende que nestes momentos nos que imos cara a nova normalidade se siga sen recuperar ese servizo”.
Ademais, a situación na vila empeorou coa baixa dunha das pediatras dende o mes de febreiro, con momentos puntuais sen ningunha, o que ocasionou a “desesperación de pais e nais e do persoal de administración”. A maiores, dende decembro do ano pasado, na quenda de tarde só están dous dos catro facultativos que debería ter este centro de saúde, “quedando sen atención médica 2.800 persoas”. Malia que a Xunta anunciou que contempla 3 novas prazas para ese centro, sigue sen aclarar cando se van incorporar.
Ao mesmo tempo, Leticia Gallego expresou o seu malestar pola terxiversación da realidade que está a facer o goberno galego con respecto á construción dun novo centro de saúde na vila. Neste aspecto, remarcou que a proposta de convenio da Xunta non incluía as urxencias e que foi o Concello o que obrigou a poñer este requisito para asinalo. Tamén lembrou que o Concello xa está urbanizando a zona onde se vai construír e que xa se informou ao goberno galego que o catastro xa rexistrou as parcelas para acelerar a súa cesión como último paso.
Na súa intervención, a parlamentaria do PSdeG afondou en que a atención primaria do sistema sanitario de Galicia está sendo un dos maiores problemas da nosa comunidade autónoma, unha situación que se deriva da “ineficiente xestión de recursos humanos froito das políticas de recortes executadas polo PP de Galicia”.
Mostra disto é a redución en 2 millóns euros para atención primaria nos orzamentos da Xunta para este ano. Para máis, isto sucede nun contexto de graves problemas de persoal, inasumibles listas de agarda para os especialista ou de saturación nos centros de saúde.
En consecuencia, “temos un sistema de saúde público que está na UCI”, cunha atención primaria “totalmente desbordada, con xornadas de ata 190 pacientes nalgúns PAC, cuns profesionais esgotados e con cada vez máis cadros de depresión e ansiedade entre os médicos e médicas e cun total desánimo”. Neste contexto, Leticia Gallego tamén salientou “a gran profesionalidade e o compromiso de todos os facultativos da nosa comunidade”, algo do que se está a “aproveitar o goberno en funcións de Feijoo”.