A portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, sinalou hoxe que as modificacións que impón a Xunta sobre a normativa contra incendios a través da Lei de Acompañamento evidencia un “gran recoñecemento de culpa” sobre a vaga de lumes. Así o dixo no debate da toma en consideración desta Lei, que foi admitida co voto en contra dos socialistas galegos.
A responsable socialista explicou que a dita norma modifica 20 leis galegas –excluíndo as cuestións fiscais-, das cales 12 foron promovidas directamente polos gobernos de Feijóo, e catro delas corresponden explicitamente á normativa que afecta á prevención e extinción de incendios. Trátase da Lei de Montes, a Lei de Mobilidade de Terras, a Lei de Estrutura Agraria e a Lei de Prevención e Defensa contra os incendios Forestais.
En definitiva, dixo, “recoñecen que a Xunta non está preparada para atender os bens e as persoas ante situacións excepcionais”, que as franxas de seguridade son insuficientes, e que as políticas fixadas polas Leis non son aplicadas e mesmo resultan “ineficaces” ante crises como a da recente vaga de lumes.
Rodríguez Rumbo criticou que o goberno galego modifique estas normas utilizando unha modalidade, a da Lei de Acompañamento, contraria á xurisprudencia e que permite esquivar o debate parlamentario, os informes preceptivos e a participación dos sectores sociais implicados. En definitiva, dixo, utilizan o “rodillo” para “abusar” dun “procedemento impropio, desprezando á oposición e á sociedade”.
Propostas
Os socialistas galegos presentaron un total de 63 emendas a esta Lei, centradas fundamentalmente na recuperación do emprego público e da calidade na prestación dos servizos públicos, e no medio rural para aplicar as “leccións aprendidas” nos incendios de outubro.
Neste sentido, reclaman recuperar as franxas de protección dos núcleos habitados que establecera o goberno do socialista Pérez Touriño e que fora rebaixada por Feijóo. Propoñen ampliar de 50 a 100 metros a protección das vivendas, e de 30 a 50 metros para as especies sinaladas. Ademais, propoñen crear unha nova Axencia para a Protección do Monte de Galicia que coordine as actuacións de defensa dos montes.
Ademais urxen a rebaixar de 2 a 1 ano o prazo para a entrada en vigor de sancións por incumprimentos nas redes de franxas de protección contra incendios. Reclaman deducións no IRPF dos investimentos para paliar os danos dos incendios, a supresión da letra pequena no decreto de axudas do goberno galego, que as condiciona á existencia de intencionalidade.
Solicítanlle ao goberno galego que presente o Pladiga na Cámara autonómica para abrilo ás aportacións dos grupos parlamentarios, e establece o primeiro trimestre de 2018 como límite para que a Xunta presente a previsións e calendario do Plan Forestal de Galicia. Tamén introducen cambios para mellorar a xestión dos montes de man común, entre outras cousas o papel do Banco de Terras.
Os socialistas galegos inclúen ademais adiantar ao mes de maio o límite na xestión da biomasa e da limpeza dos montes, e reclaman convenios de colaboración coas administracións locais que establezan o “apoio técnico e económico da Xunta”.