A viceportavoz do Grupo Socialista asiste en Lugo á apertura dos 27º Xogos Autonómicos de Natación Special Olympics de Galicia
Salienta o acordo parlamentario acadado esta mesma semana a iniciativa do Grupo Socialista para que a Xunta elabore un protocolo de boas condutas no deporte base
A viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez, salientou hoxe a Special Olympics como “exemplo de deportividade, superación persoal e compañerismo” e mostra da “mellor faciana do deporte”. A responsable socialista asistiu en Lugo á apertura dos 27º Xogos Autonómicos de Natación Special Olympics de Galicia, que se celebran esta fin de semana na cidade amurallada.
Méndez salientou o traballo fundamental de Special Olympics e a Asociación Aspnais, que organizan este encontro, na promulgación dos valores da deportividade, a unidade, a valentía e o esforzo e o compromiso coa inclusión, o respecto e a dignidade.
Destacou o papel do deporte “un dos maiores actos de socialización máxime cando falamos de deporte inclusivo” e como ferramenta educativa e da integración e na promulgación dos hábitos de vida saudables e do respecto polo adversario.
Subliñou que esta competición defende os valores polos que os socialistas galegos esta mesma semana acadaron un acordo con tódolos grupos parlamentarios para garantir as boas condutas no deporte base logo dos últimos casos de agresividade nas pistas deportivas. O acordo empraza á Xunta a elaborar un protocolo que garanta ás entidades deportivas galegas e ás persoas organizadoras de competicións os datos e os consellos que faciliten a prevención da violencia.