Reclámalle ao goberno galego que garanta a posta en marcha dun foro de escoita activa co sector e que garanta obxectividade nos contratos coa industria
A portavoz de Agricultura e Gandería do Grupo Socialista, Lara Méndez, esixiulle hoxe á Xunta que se poña “ao carón dos gandeiros e gandeiras” para garantir prezos xustos na renovación dos contratos do leite que se desenvolverá nos próximos meses. Méndez lamentou que o PP rexeitara a moción que presentou no Pleno para pedirlles que garantan a posta en marcha dun foro de escoita activa..
A responsable socialista explicou que nos próximos meses serán renovados o 90 por cento dos contratos do leite que condicionarán todo o exercicio, polo que reclamoulles que defendan o interese dos produtores galegos, que entregan o 40 por cento do leite do Estado coas cotizacións en orixe máis baixas do Estado.
Reclamoulle ao goberno galego que empregue o observatorio público de prezos para garantir obxectividade nos contratos entre gandeiros e industria, poñendo en marcha tódalas ferramentas inspectoras dispoñibles e creando a figura do mediador público e que poñan enriba da mesa incentivos para que as industrias cumpran cos produtores de leite en orixe.
Advertiu que a situación actual fai inviable a supervivencia do sector en Galicia, que está a ver como cada día pecha unha das pouco máis de 5.000 explotacións de leite, polo que lle esixiu ao goberno galego que busque solucións para reverter a situación de debilidade que teñen fronte á industria e que está a acabar con eles.
Observatorio do sector lácteo
Lara Méndez sinalou que o decreto que regula o observatorio do sector lácteo de Galicia, publicado a finais de xaneiro, chega tarde, demostra que “nace con carencias”, prevendo apenas unha xuntanza ao ano. Ademais, advertiu que malia que o decreto obriga a que o observatorio debe contar cun mínimo dun 40 por cento de mulleres, a realidade é que a representación de mulleres rurais é “menosprezada”.
Explicou que as mulleres terán que ser representadas de forma rotativa por un período de dous anos, mentres as organizacións profesionais, o sector primario, o sector lácteo e da distribución, a federación nacional de industrias lácteas e a organización de produtores serán elixidos en función da súa representatividade.