Critica a “falta de atención” do goberno galego á situación do monumento lucense que ten que limpar por tratarse dun ben Patrimonio da Humanidade
A parlamentaria socialista Lara Méndez denunciou hoxe o incumprimento por parte da Xunta da súa obriga de limpeza e mantemento da Muralla de Lugo, que comezou a temporada turística nun estado “lamentable”. Méndez lamentou que o PP rexeitara a iniciativa que levou hoxe a Comisión no Parlamento para reclamarlle á Xunta que exercera a súa competencia para planificar as labores de limpeza, mudando o sentido do voto en canto foi incorporado o coidado dos xardíns exteriores, que son competencia da Xunta.
Méndez esixiulle ao goberno galego que lle preste ao monumento a atención que precisa e merece como símbolo non xa da cidade, senón de toda Galicia, e que chega ano tras ano á temporada turística cuberta por unha capa de maleza polo nulo interese que lle presta o goberno galego.
Sinala que a Muralla é un dos principais motivos polos que a capital luguesa se ten convertido nun referente turístico nos últimos anos, de modo que o “estado lamentable” no que se atopa a día de hoxe “dá moi mala imaxe”, tanto da cidade como de Galicia, porque se trata dun dos únicos catro bens galegos que contan co recoñecemento da Unesco.
“Demandamos da Xunta unha mellor planificación”, explicou a parlamentaria socialista, que, aínda que recoñeceu que Lugo conta cun turismo relativamente “desestacionalizado”, non é de recibo que na época estival, “coa maior afluencia de xente, atopemos a Muralla no estado no que a estamos a ver”.
Na actualidade, a vexetación toma diversos puntos do monumento, polo que Lara Méndez esixe ao Goberno de Rueda “que faga unha limpeza coa máxima celeridade”, pero tamén que, de cara ao futuro, planifique estas actuacións co fin de que “cando cheguen estas datas non atopemos así a nosa Muralla”.