Alerta de que a “descoordinación, falta de planificación, de recursos e persoal” e o “descontrol” do goberno galego están a provocar a propagación das infeccións
A portavoz de Agricultura e Gandería do Grupo Socialista, Lara Méndez, reclamoulle hoxe á Xunta que aporte recursos propios para complementar as partidas enviadas polo Estado par asumir o custe das vacinas da lingua azul e a Enfermidade Hemorráxica epizoótica -EHE- para a cabana gandeira galega. Méndez presentou unha proposición non de Lei no Pleno do Parlamento para pedirlle á Xunta que reforce os recursos para o sector gandeiro afectado por estas enfermidades, que será debatida mañá mércores.
A responsable socialista advirte que a “descoordinación e falta de planificación, de recursos e de persoal”, así como o “descontrol” amosado polo goberno galego, “lonxe de ir controlando a casuística estase a propagar”. Lamenta que no canto de ofrecer instrucións claras e medidas eficaces, están a responder cun rosario de ordes e contraordes para restrinxir o movemento das reses provocando desconcerto en toda a cadea de actuación e impedindo a toma de medidas.
Lembra que neste momento a vacinación dos animais é obrigatoria e os gandeiros vense obrigados a asumir os 109 euros de custe en apoio do goberno galego. Criticou que a Consellería segue sen establecer un prazo para as vacinacións, pero xa teñen establecido ata seis prórrogas ampliando os movementos dos animais non vacinados no período de risco, adiando “mes tras mes” porque o cambio climático está a facer que o vector de infección perda o carácter estacional.
Reclamoulle ao goberno galego que atenda ás recomendacións dos servizos veterinarios, que urxen a vacinar canto antes, e que complemente as axudas postas enriba da mesa por parte do Estado. Lembra que o Executivo central si que atendeu ao sector e compromeu máis de 23 millóns de euros en axudas para compensar os gastos ocasionados pola EHE, financiar o programa nacional de erradicación da tuberculose bovina e a adquisición de vacinas contra a lingua azul.
Por iso chama ao compromiso do goberno galego para complementar as partidas do Estado con recursos propios co fin de “asumir o custe das vacinas da lingua azul e da EHE, independentemente de quen as realice”, así como maior dotación de persoal nas oficinas agrarias e maior coordinación nos rexistros da vacinación animal.
Urxiu á Xunta a acadar unha “mellor planificación dos protocolos e procedementos a seguir no canto da desinsectación de animais, instalacións e vehículos de transporte de animais, e incrementar as contías para os distintos fins, entre as que se contan as destinadas á morte dos animais.