Lembra que a conectividade mediante fibra chega ao 77 por cento en Galicia e o 55 por cento no rural, lonxe do 90 por cento da media do Estado
A viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez, reclamoulle hoxe á Xunta que aporte fondos propios para impulsar a conectividade dixital mediante fibra óptica no rural galego. Méndez lamentou que o PP votara en contra dunha proposición non de Lei que presentou hoxe na Comisión de Agricultura para reclamarlle á Xunta que poña cartos propios a disposición para mellorar a conectividade en Galicia.
A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que “faga un esforzo para garantir investimentos que permitan acadar cando menos o 90 por cento da conectividade” mediante fibra óptica que ten o territorio estatal de media. Lembra que o territorio galego está moi lonxe deses datos, cun 77,1 por cento de conectividade, que se reduce ao 55,34 por cento no rural.
Lembrou que o goberno central ten destinado 161 millóns de euros adicionais para ampliar a cobertura con 5G nos concellos de menos de 10.000 habitantes, que en Galicia son 257 dun total de 313. Esixiulle á Xunta que complemente estas axudas con iniciativas propias porque, dixo, “se queren e se hai necesidade pódese facer, pois que o fagan”.
Retrucoulles co seu mesmo argumento, sinalando que “non queremos ser máis que ninguén, pero tampouco menos”, e lamentou que o goberno galego “está a deixar que Galicia sexa menos fomentando o desequilibro territorial e polo tanto as desigualdades”. Advertiu que o territorio galego mantén “moitas eivas e puntos negros, con moitas zonas sen cobertura” para “acabar e rachar con estas desigualdades” que afectan ao territorio galego.
Diante da réplica do PP, que aludía ao reparto de competencias, lembrou as competencias impropias que teñen que asumir os concellos polo desleixo do goberno galego, tanto na prestación do SAF como as garderías, os comedores escolares ou o mantemento dos centros educativos.