Critica o “continuísmo” de Rueda na Xunta para “seguir afondando na fenda de xénero e na precariedade laboral e o desemprego xuvenil”
A vicesecretaria xeral do PSdeG, Lara Méndez, alertou hoxe en A Coruña fronte á “involución laboral” que defende un PP “sesgado á estrema dereita”. A responsable socialista participou na manifestación central con motivo do Día do Traballador convocada en A Coruña.
A responsable socialista trasladou a súa “preocupación” pola intención do futuro presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de “levar un goberno continuísta”, que suporá, dixo, “seguir afondando na fenda laboral de xénero e na precariedade e o desemprego xuvenil”.
Lembrou que o balance de 13 anos de goberno de Feijóo en Galicia supuxo a perda de 100.000 postos de traballo e un PIB per cápita 1.800 euros por debaixo da media estatal. Alertou de que Feijóo “quere trasladar as debilidades do modelo de Galicia a nivel estatal”, liderando un PP “sesgado á estrema dereita, flirteando con Vox e rompendo o cordón sanitario coa estrema dereita”.
Sinalou que o novo líder do PP a nivel estatal está a ameazar “dereitos adquiridos á hora da xubilación” cunha axenda oculta para reducir as pensións desvinculando a súa revalorización do IPC. Esta proposta dos expertos do PP, que non foi desmentida por Feijóo, levaría a 770.000 pensionistas galegos a perder poder adquisitivo e empobrecerse cada vez máis logo de traballar durante toda a vida.
Lara Méndez engadiu que “non só debemos pensar en avanzar, senón tamén en consolidar dereitos laborais, o emprego estable e de calidade e as medidas de conciliación”. Reivindicou a consolidación dos dereitos laborais acadados nos últimos anos grazas ao goberno de Pedro Sánchez “en materia de conciliación, de revalorización das pensións ou no tocante á última reforma laboral”.
A vicesecretaria xeral do PSdeG apuntou que a reforma laboral impulsada polo goberno do Estado permitiu frear a temporalidade e os contratos por días e mesmo por horas para promover a contratación indefinida.
Unha reforma laboral, lembrou, que foi votada en contra por Vox e polo PP, que con Feijóo tamén votou esta semana NON ao plan nacional de resposta ás consecuencias da guerra, con medidas para favorecer a traballadores, autónomos e empresas.