Alerta da falla de planificación por parte do goberno galego, que “mira para outro lado” mentres está a “parchear” a resposta aos problemas sanitarios dos gandeiros galegos
A portavoz de Agricultura e Gandería do Grupo Socialista, Lara Méndez, acusou hoxe ao goberno galego de provocar o “caos na planificación e na xestión” das enfermidades que afectan á cabana gandeira. Así o dixo na comparecencia no Parlamento do director xeral de Gandaría sobre sanidade animal, a quen lle advertiu que o goberno galego “non actúa de forma rápida nin inmediata” diante das emerxencias veterinarias.
Méndez advertiu que o goberno galego está a incumprir a Lei de Sanidade Animal, que fixa as bases para realizar un “bo diagnóstico, prevención, control e erradicación” das enfermidades animais, pero que xusto iso “é o que non está a face a Xunta”. Puxo como exemplo que a Xunta presuma de que Galicia é territorio libre de tuberculose animal no canto de comezar a tomar medidas preventivas para actuar de maneira inmediata cando a enfermidade estase a detectar nas zonas colindantes.
Ademais, criticou a falla de aposta pola investigación que resulta “imprescindible”, pero o goberno galego deixa “sen recursos nin capacidade” ao sector, que en 2023 só recibiu 1 millón de euros para actuar en 9 enfermidades animais, o que deixa “pouco máis de 100.000 euros para cada unha”, o que resulta “absolutamente insuficiente” e en Galicia “faltan veterinarios que temos que ir buscar a outras comunidades autónomas” pola falla de planificación do goberno galego.
Acusou ao goberno galego de “mirar para outro lado” e seguir ao pé da letra o “estilo de M. Rajoy de deixar pasar o tempo” mentres en Galicia pecha unha explotación gandeira ao día, con 350 perdidas no último ano. Alertou de que Galicia perdeu case a metade das explotacións gandeiras dende o ano 2016, pasando de 76.400 ás 41.507 que permanecen activas neste momento.
Criticou que teñan a “desfachatez” de presumir do funcionamento dos plans de mellora das explotacións agrícolas cando o goberno galego denegou máis de 500 expedientes a pesares do nivel de perda de explotacións provocado pola falla de apoio do goberno galego.