Lamenta a negativa do ente público a devengar as taxas pagadas polo concello polo uso dos terreos dende o 15 de outubro de 2021 que Portos marcou como data para comezar coa reversión dos terreos
A viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez, trasladou a súa “fonda preocupación” polo desleixo do goberno galego logo de que o presidente de Portos recoñecera hoxe no Parlamento que teñen “paralizada” a cesión dos terreos que manteñen no Concello de Foz pero que xa non rexistran ningún uso portuario. Méndez presentou unha pregunta oral na Comisión de Pesca para reclamarlle ao ente que axilice esta medida.
A responsable socialista afeoulle ao responsable de Portos que emprace a decisión a unha suposta reunión do conselleiro de Pesca co presidente da Fegamp para finais deste mesmo mes, pero da que “non temos nin data nin obxectivo”. Lembroulle que a decisión de ceder aos concellos os terreos de Portos que xa non teñen uso portuario foi asinada coa propia Fegamp en setembro de 2021, e o ente marcaba o 15 de outubro como data para que os concellos tramitaran as solicitudes.
Lembrou que o Concello de Foz cumpriu co prazo marcado dende Portos, pero ata día de hoxe seguen sen tomar ningunha medida no sentido de iniciar os procesos de desafectación, e lembroulle que os compromisos teñen que manterse “por moito que cambien de conselleiros e de presidente de Portos”.
Lamentou ademais a negativa rotunda do presidente de Portos a devengar a favor do Concello as taxas pagadas polo uso destes terreos dende a data marcada por eles mesmos para iniciar co proceso de devolución da titularidade.
Estas taxas, que oscilan entre os 100.000 e os 120.000 euros ao ano, resultan dificilmente asumibles para concellos como o de Foz, que necesitan dos terreos para a depuradora, a nave do Clube Kayak, as instalacións de obras ou o parque de seguridade viaria. Esta explanada é na que cada ano teñen lugar as festas patronais, a Festa Normanda, o Entroido ou o mercado semanal dos martes.