O secretario de Organización do PSdeG sinala que as candidaturas son “unha aposta polo presente e polo futuro” co obxectivo de “mobilizar á esquerda”
O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, sinalou que o PSdeG presenta “as mellores candidaturas” ás próximas eleccións xerais do 23X co obxectivo de “mobilizar aos votantes da esquerda” pensando no próximo goberno. Así o dixo en Madrid, antes de participar na reunión extraordinaria do Comité Federal que aprobou hoxe as candidaturas para os próximos comicios.
O Comité Federal contou cunha ampla representación dos socialistas galegos, entre os que figuraban o secretario de Organización, Lage Tuñas, ou a vicesecretaria xeral e alcaldesa de Lugo, Lara Méndez. Tamén acudiu o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a súa homóloga da Coruña, Inés Rey, así como os secretarios provinciais da Coruña, Bernardo Fernández, e Pontevedra, David Regades.
Lage Tuñas salientou que as candidaturas do PSdeG demostran unha “aposta polo presente e polo futuro”, e que están “pensadas para gobernar e para que este país non mire para atrás”. A Executiva Federal aprobou hoxe o equipo de nomes proposto pola Executiva galega do PSdeG que, dixo, “representan socialmente propostas para a mellora da calidade de vida dos cidadáns”.
Advertiu que as próximas eleccións xerais porán en xogo “que goberno de España queremos e tamén que modelo social queremos os galegos e as galegas”. Salientou que o PSOE aposta por “seguir avanzando socialmente, mellorar a vida das familias, mellorar a vida dos pensionistas e mellorar en xeral as condicións de vida de tódolos cidadáns” fronte a un PP que “aposta polos recortes e o retroceso”.
Engadiu que as eleccións xerais constitúen “un bo momento para que os españois decidan que tipo de país queren”. Lembrou que o modelo que defende o PP “xa o coñecemos de cando gobernou Mariano Rajoy”, e defendeu a aposta socialista por un “modelo social avanzado, protexendo ás familias, axudando aos maiores e pensando en que os máis novos teñan oportunidades”.
Comité Federal
Lage interveu na reunión do Comité Federal para apoiar a decisión “audaz, coherente e valente” do presidente do Goberno de convocar las eleccións, e puxo en valor o poder institucional acadado polo PSdeG nas municipais do 28M, integrado por máis de 100 alcaldías e alomenos por dúas deputacións provinciais.
Tamén reclamou unidade no partido para afrontar as eleccións xerais e apelou ao voto útil en favor do PSOE para frear ao PP e non despistarse porque “non podemos perder un minuto no ruído”. Alertou fronte á campaña “sucia e en negativo” do PP e emprazou a “sacar o orgullo” para frear ao PP porque nestas eleccións España xógase ser un país socialmente avanzado.