O secretario de organización do PSdeG remarca a transcendencia que terán as eleccións do 23 xullo, nas que hai que escoller entre “un goberno de dereitos ou un de dereitas”
Intervén nun reparto electoral en Ourense, onde acusa a Feijóo de ser “un trileiro profesional” e de non ter “escrúpulos” en atacar os dereitos das mulleres
Ourense, 16 de xullo de 2023. O secretario de organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, apelou este domingo ao electorado progresista das provincias de Ourense e Lugo a concentrar o seu voto no Partido Socialista para frear ao PP, asegurando que “coller outra papeleta en Ourense e Lugo é tirar o voto ao lixo” porque non se vai materializar en escanos para impedir que goberne a dereita coa ultradereita.
Lage Tuñas realizou un reparto electoral pola cidade de Ourense xunto ás candidatas ao Congreso, Marga Martín e Noela Blanco, o aspirante ao Senado, Rafa Rodríguez Villarino, e outros membros das listas. Aproveitou a ocasión para chamar ao voto útil en torno ao PSOE, por ser a única forza progresista que pode materializar o respaldo en escanos que sirvan para frear á dereita.
En concreto, remarcou que en Ourense e en Lugo “nos xogamos que España siga avanzando ou volver a un país en branco e negro”, apuntou. A pesar de considerar que outras formación de esquerdas son opcións “democráticas e respectables” entende que “vai ser un voto ineficiente” porque cre non van traducirse en escanos, o que derivaría en máis deputados para o PP.
“Hai que dicilo con absoluta claridade mirándolle aos ollos aos galegos e ás galegas. O único voto posible para evitar que a dereita goberne en España é a papeleta do PSOE”, alegou Lage. Estamos ante unha decisión dicotómica, apuntan os socialistas, xa que o 23 de xullo elíxese entre “un goberno de dereitos e un de dereitas”. Isto é un que defenda “os dereitos laborais e servizos públicos reforzados” ou un “que negue dereitos ás mulleres, non respecte ás persoas e poña a alfombra vermella á ultradereita”.
A VERDADEIRA AMEAZA É O PP
Pero considera que “a verdadeira ameaza non é Vox, é o Partido Popular”, xa que Feijóo representa para el a volta do goberno de “Aznar, Rato e Bárcenas” do que el formou parte dende a presidencia de Correos, asi como das súas políticas de “recortar dereitos volver ás privatizacións e defender os dereitos dos máis poderosos e non da maioría social”.
Lage reivindicou un “goberno sensible, preocupado polas clases medias e traballadoras” do PSOE que fixo posible que os 770.000 pensionistas galegos “cobren de media máis de 200 euros máis que cando gobernaba o PP”, cando cos populares subían “un euro como moito” Do mesmo xeito, lembrou que “este país avanzou sempre da man do PSOE, primeiro con Felipe González, logo xon Zapatero e agora con Pedro Sánchez”.
NON VALE LAIARSE O 24 DE XULLO
O dirixente socialista falou directamente aos indecisos de esquerdas asegurando que “todos aqueles que queiran evitar que goberne o PP só hai unha opción. Votar a outras opcións políticas significará que haxa máis deputados de dereitas. Tirar o voto ao lixo, facelo inservible”. Ao que engadiu que “non vale laiarse o 24 de xullo cando toca decidir a España que queremos os próximos catro anos”.
COMPROMISO CLARO COA IGUALDADE
O secretario de organización socialista tamén tipo unhas palabras para o electorado feminino que está vendo retrocesos nas políticas de loita contra a Violencia de Xénero por parte dos goberno de PP e Vox nas últimas semanas.
Lage puxo en valor o “compromiso claro e nítido coa igualdade e co feminismo” do PSOE, remarcando que “loitar polos dereitos das mulleres” vai no seu ADN. Tamén incidiu en que “todos os avances en igualdade teñen a marca do PSOE”, entre os que nomeou a Lei contra a Violencia de Xénero ou Lei de Igualdade entre homes e mulleres.
Que chegue o PP ao poder é para Lage “a maior ameaza” por culpa dun Feijóo que “non ten escrúpulos” e é “un trileiro profesional”. O socialista repróchalle que “é capaz de falar de divorcios duros ou de violencia intrafamiliar” negando así a existencia da violencia de xénero.
Resaltou a súa preocupación por ver “opcións retrógradas que queren penalizar ás mulleres” e que chegan ao poder grazas ao Partido Popular. Por iso, remarcou que “o mellor dique de contención” e “o voto útil para o machismo é a papeleta do PSOE”.