O secretario de Organización do PSdeG pide un voto “masivo” para o PSOE, “o único que pode evitar que volva o PP de Aznar, Bárcenas e Rato, os que saquearon España e empobreceron ás clases medias en traballadoras”
O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, advertiu hoxe que a “verdadeira ameaza non é Vox”, senón que o PP chegue ao goberno “sen regras e con enganos masivos” para reeditar os “recortes e privatizacións” dos gobernos de Aznar, Bárcenas, Rato e Feijóo en Correos. Así o dixo nun reparto de propaganda electoral en Malpica xunto co candidato do PSOE ao Senado, Xosé Sánchez Bugallo.
O responsable socialista pediu un “voto masivo” ao Partido Socialista para “evitar que volva o PP” da “mentira e o engano masivos” á cidadanía, para evitar a volta a esa España “en branco e negro”, liderada polos que “saquearon” o país e “empobreceron ás clases medias e traballadoras”.
Lage cualificou ao aspirante do PP á Moncloa de “trileiro profesional”, que na súa etapa como presidente da Xunta triplicou a débeda de Galicia que deixara o presidente socialista Pérez Touriño. Advertiu que ten o “triste récord” de ter conseguido que na sanidade pública haxa listas de espera para o médico de cabeceira, “algo que non sucedía cando chegou á presidencia da Xunta, en 2009”.
Sinalou que os socialistas galegos centrarán os últimos sete días da campaña electoral en pedirlle un voto “útil” aos cidadáns progresistas que aposten por “un país de dereitos e non de dereitas”. Presentou como argumento que o PSOE no goberno afrontou unha pandemia “sen deixar a ninguén atrás”, e advertiu que “se estivera o PP veríamos recortes sociais, nos servizos públicos e en dereitos” como na anterior crise.
Tamén subliñou Lage Tuñas a importancia de concentrar o voto no Partido Socialista “para frear á dereita”, e advertiu que o sucedido en Estremadura constitúe un “botón de mostra” do “contiño do PP” cando fala da lista máis votada. Atribuíuno ao “trilerismo profesional” de Feijóo, que amosa cando “o collen nunha mentira flagrante falando do Pegasus e nin sequera se pon colorado”.
Bugallo
O candidato do PSdeG ao Senado, Xosé Sánchez Bugallo, acusou ao PP de sacar “coellos da chisteira” en campaña electoral para “desviar a atención e que a xente mire para outro lado e desvíen o seu voto de onde debe ir”. Criticou que primeiro centraran a atención no lema “que te vote Txapote” e a continuación no voto por correo “para que a xente non mire” para a suba das pensións e do SMI, e a creación de emprego que garantiu o goberno de Pedro Sánchez ou á corrupción do PP.
O responsable socialista emprazou á cidadanía a “pensar nos temas que realmente lles ocupan e lles preocupan”, como son, citou, “as pensións, a sanidade, a educación, o salario ou a estabilidade no emprego”.