Julio Torrado urxe a tomar medidas fronte ao baleirado puntual masivo de auga, que altera a salinidade e provoca a mortalidade masiva de moluscos
9 de abril de 2023. O portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Julio Torrado, vén de presentar unha serie de iniciativas no Parlamento de Galicia para reclamarlle á Xunta que elabore un protocolo de baleirado de encoros que afecten sobre a produción marisqueira. O responsable socialista propón desaugues progresivos, en pleamar e avisando coni tempo a concellos e confrarías, que axudarían a paliar o problema.
Torrado sinala que os problemas de aumento e diminución brusca da salinidade que provoca a entrada repentina e masiva de auga doce procedente destes baleirados masivos está, xunto con outras causas, detrás de “episodios de enorme mortalidade de marisco”. Estes afectan sinaladamente á ameixa e ao berberecho que son referencia da produción das rías de Arousa ou de Muros – Noia.
Sinala que o control dos desaugues dos encoros resulta “claramente mellorable” por parte das empresas que os xestionan, que son de titularidade privada pero operan a través de concesións de xestión concedidas pola Xunta de Galicia. O sector marisqueiro vén de avisar, en concreto nestas dúas rías, de episodios de baleirado “brusco, sen control e sen aviso ou con advertencias a feitos consumados a algunhas entidades de emerxencias da contorna”.
Apunta que “é posible regular e controlar estes desaugues de maneira máis axustada para non prexudicar ao sector marisqueiro”, facendo por exemplo de maneira escalada e coincidindo coa preamar, para limitar na medida do posible a variación da salinidade.
Ademais, sinala a importancia de avisar previamente ás confrarías e aos concellos afectados, xa que a baixada de fortes masas de auga en momentos de seca, con xente traballando no mar “ten provocado situacións de descontrol que pode afectar á seguridade dos traballadores e das traballadoras”.