Insta ao presidente da Xunta a reunirse cos afectados para retomar o diálogo e intentar resolver a situación
O portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Julio Torrado, demandoulle hoxe ao goberno galego que “deixe de xogar ao divide e vencerás” no conflito existente entre bateeiros e percebeiros pola recollida da mexilla. Con esta estratexia, alertou o deputado socialista, “perdemos todos: perde o sector, perde lexitimidade a Consellería e perde a cidadanía en xeral cando ve que os gobernos non funcionan”, enfatizou.
Nesta liña, subliñou a súa preocupación polo feito de que “un goberno estea alimentando un problema tan grave nun sector tan relevante dende o punto de vista económico, pero tamén dende o social e incluso dende o cultural”. “É un erro a todas luces”, advertiu.
Julio Torrado lembrou que os percebeiros e bateeiros levan máis de 60 anos convivindo sen ningún tipo de problema, polo que acusou ao goberno galego de ser o único responsable de orixinar agora unha situación “con moitas tensións e moita incertidume” e que ademais “se está a recrudecer”. Polo tanto, “a culpa non é deles”, remarcou, senón “so da Consellería do Mar”, que procurou “alimentar e incluso incendiar o enfrontamento tomando partido” de xeito “sorprendente” por razóns que “non entendemos” e detrás das que podería agocharse a “vinganza” ou a “mala conciencia” da Xunta.
Así, nun escenario no que se condena a unha parte a “mirar cara o ceo sen saber como van vivir da súa profesión”, chegouse ao punto de que “hai un sector que xa non asume á Consellería como lexítima interlocutora”. Porén, Julio Torrado remarcou que “é posible o entendemento para que os sectores convivan e compartan espazos” de modo que ningún deles “quede desvalido”.
Neste contexto “complicado”, Julio Torrado avogou por “recuperar o diálogo, rebaixar o ton, non alimentar o conflito e resolver o problema”. Ao fío disto, o voceiro de Marisqueo do Grupo Socialista considerou “imprescindible recuperar a senda do acordo” antes de que o problema derive “en situacións complicadas ou perigosas que non quixeramos ver”. “Empreguen o consenso como una ferramenta de vontade”, pediu, “e non para atrapallar ao sector ou para coaccionalo”.
Con este obxectivo, Julio Torrado sumouse á petición realizada por algúns dos afectados para que o propio presidente da Xunta “entre a resolver o problema” e “atenda as peticións de reunirse e de sentarse a unha mesa con eles”. En todo caso, instou á Consellería a “mover en algo a súa posición, que ata o de agora parece alimentar o conflito”, ao tempo que demandou “un cambio de postura que permita o diálogo”.
A maiores, Julio Torrado denunciou a falta de respostas do goberno galego e que o cambio normativo no que está a orixe do conflito se realizou “sen consenso”. Ao fío disto, o parlamentario socialista reclamou explicacións polos motivos que conduciron a esta modificación e que a Xunta seguen sen xustificar. “Se a explotación responsable se está a cumprir de xeito escrupuloso, como vostedes din, por que se modifica a normativa?”, preguntou.
Ao mesmo tempo, reclamou que se presenten no Parlamento os informes sobre os que se sustentan as variacións introducidas na norma, o que “podería contribuír á darlle transparencia a unha situación” que agora mesmo non a ten. “Compártanos”, demandou Torrado, “xa que se escudan neles para manter unha situación que está a xerar un problema”.