O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, urxiu hoxe á Xunta a reforzar o persoal sanitario para “salvar as deficiencias provocadas por non ter un número de profesionais suficiente para traballar no proceso de vacinación”. Torrado presentou unha pregunta no Pleno do Parlamento polas deficiencias na vacinación dos 90.000 mutualistas galegos que estaban fora dos listados do Sergas.
Torrado salientou que o goberno galego deu xa “tres datos distintos en tres respostas”, cando o secretario xeral técnico dixo hai días que solicitaran os datos ás mutuas ao comezar a vacinación dos maiores de 80, para acto seguido puntualizar que os pediran “antes de empezar todo o proceso de vacinación”. Hoxe o conselleiro desmentiu as dúas versións apuntando que empezaran “o 1 de febreiro” e ofrecendo un documento de xustificación que non entregou.
A realidade, dixo, é que estes 90.000 mutualistas quedaran fora dos cribados de covid porque o Sergas non os incorporara a tempo á súa base de datos, cando “non hai ningunha razón que puidera xustificar que estas persoas se vacinasen máis tarde do que lles corresponde”.