O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, esixiulle hoxe á Xunta que reforce a contratación de persoal sanitario para a campaña de vacinación contra a covid. Así o dixo durante a comparecencia do conselleiro de Sanidade, a quen instou a “deixar de ser demagóxicos” nas críticas contra un plan de vacinación que, lembrou, foi acordado polo goberno galego no Comité Interterritorial de Sanidade.
Torrado advertiu de que actualmente Galicia carece dos profesionais necesarios para vacinar con apenas 200 contratos de reforzo, e reclamou incrementar as contratacións de sanitarios “para non deixar de facer as funcións e perder profesionais en Atención Primaria”. Subliñou que se trata da “medida máis aplaudida e xenerosa, que ademais non ten un impacto real nos orzamentos autonómicos”.
O responsable socialista chamou a incrementar o ritmo de contratación anunciado pola Xunta, que estima en 9.000 vacinas ao día, que en 10 semanas suporían 560.000 galegos e galegas vacinados. Lembrou que o propio Feijóo dixera no seu momento que en 10 semanas podería vacinar a toda Galicia, pero puntualizou que “toda Galicia non son 560.000”.
Torrado criticou que o goberno galego estea “mais preocupado polo maldito relato”, para sinalar que España ens roba -en alusión ao slogan independentista catalán- coas vacinas cando “deberan contar contaxiados para conseguir reducilos, en lugar de contar titulares de prensa”. Sinalou que “este goberno respira manipulación ata provocar un tufo insoportable”.
Explicou que “poderíamos estarlle dicindo a tódolos colectivos que son de primeira fila” para recibir as vacinas, pero confirmou a lealdade dos socialistas á decisión do goberno porque “decidir é moi complicado” na actual situación.
O responsable socialista puntualizou que “cando acordan as cousas fan ben, ao contrario que cando queren saír a discrepar só para xerar tensións”. Deste xeito afeoulle as críticas contra o reparto de vacinas que é en función do acordo asinado tamén por Galicia, e que determina que “recibiremos vacinas en función da porcentaxe de cada grupo para vacinar, e dicir o contrario é dicir que vai quedar xente sen vacinar”.
Desescalada interruptus
O responsable socialista criticou a ansiedade demostrada polo presidente da Xunta para anunciar hai dez días unha “desescalada interruptus” que tivo que ser desmentida en dúas ocasións polo conselleiro, ata chegar a onte luns e anunciar un “sudoku de medidas” por concellos.
Advertiu do “desacougo” provocado pola “moi mellorable” estratexia de “anuncios sistemáticos e descoordinados” do presidente da Xunta que evidencia que “a pouco que se sinta presionado o goberno empeza a facer anuncios”.
Plan extraordinario de contratación
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, lamentou ademais o veto do PP a unha moción socialista para reclamarlle á Xunta que implemente un plan de contratación extraordinaria de profesionais sanitarios que permita desafogar tarefas dos hospitais públicos galegos nos picos da covid. O responsable socialista presentou esta proposta no Pleno do Parlamento que se celebrou hoxe.
O responsable socialista propuxo ampliar os horarios de atención “durante todo o día se fora necesario” para as patoloxías non – covid, mediante circuítos específicos e “permitindo así ao resto dos profesionais dedicarse integramente á atención á pandemia cando sexa necesario”.
Julio Torrado reclamaba ademais “aproveitar ao máximo posible os espazos infrautilizados dos hospitais públicos de Galicia para ampliar a calidade asistencial dos centros” cos medios materiais e humanos e o investimento extraordinario que sexa necesario. Tamén propuña “adquirir ou fabricar por medios propios os materiais requiridos para poder ampliar o volume de camas UCI que poden estar dispoñibles en Galicia para afrontar situacións de estrés sanitario como a actual”.
O Grupo Socialista reclamoulle á Xunta que con cada informe diario de datos covid faga público tamén o número de camas UCI “fisicamente existentes en total en cada momento nos hospitais públicos galegos” e distribuídas por área sanitaria. Nesta mesma información, engade, “debera indicarse tamén o volume de camas ocupadas por pacientes covid, por pacientes doutras patoloxías e o volume de camas libres.
Torrado reclamoulle “máxima transparencia” ao goberno galego, que debera ademais “informar do número de profesionais contratados para labores de rastrexo e que desenvolven a súa tarefa na central de seguimento situada en Bergondo”.