O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, lamentou hoxe o voto en contra do PP a unha proposta socialista para ofrecerlles televisión gratuíta aos pacientes ingresados nos hospitais galegos. Torrado explicou en Comisión parlamentaria que “alguén está levando 3,5 millóns de euros anuais porque os enfermos vexan a TV”.
Presentou esta proposta para rescindir as concesións polas que os pacientes galegos teñen que pagar 3,5 euros por ver a TV todo o día en Ourense, 5,5 en Santiago e 4,84 no Álvaro Cunqueiro, nuns centros nos que “tamén hai que pagar por ter wifi”.
Torrado sinalou que “é o momento de rescindir o contrato”, e sinalou que “ben podemos facelo se somos quen de pagarlle 75 millóns de euros ao ano á empresa concesionaria dun hospital que resulta 450 millóns de euros máis caro” por optar polo modelo público – privado en vez de facelo público. Referiuse así ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, que “deberíaselles caer a cara de vergoña por ter defendido que era público despois do que soubemos esta semana”.
Neste sentido, apuntou que “se é plenamente público, coma defendeu o PP, teñan coidado que hai unha estafa, porque alguén estaría a vender o 43 por cento dun hospital da Xunta” logo de que un fondo de investimento francés lle adquirira recentemente a maior parte das accións á concesionaria. Dixo que “alguén está vendendo o 43 pro cento dun hospital privado, porque se fora público non podería, e todo o demais é intentar ser pelota de alguén”.
Julio Torrado criticou hoxe que o PP “é máis de rescindirlle o contrato aos médicos que pelexan contra Feijóo en Verín que de rescindirlles os contratos ás concesionarias”. Así o dixo no debate en Comisión dunha proposición non de Lei na que pedía televisión gratuíta nas habitacións dos hospitais galegos que foi rexeitada polo PP.
O responsable socialista citou o caso do xefe de Xeriatría do Hospital de Verín, que está a afrontar un expediente un ano despois de ter encabezado o movemento social contra o peche do Paridoiro daquel centro no debate desta proposta para “contribuír a facer as estancias nos hospitais levadeiras”. Torrado reclamou a rescisión do contrato á concesionaria do servizo de televisión, que está a recoller grosso modo 3,5 millóns de euros ao ano por cobrar os bonos de televisión.
Debate falaz
Julio Torrado acusou ao PP de plantexar un “debate falaz, mentiroso e que oculta o que queren facer”, ao xustificar a súa negativa á iniciativa cuestionando que a medida sexa prioritaria e cuestionando que forme parte da calidade asistencial. Explicou en primeiro lugar que “pódese facer máis dunha cousa á vez, non se trata de que como algo sexa prioritario o resto non se fai”.
Sinalou ademais que “todo o que pasa no hospital durante a estancia dos pacientes é calidade asistencial”, por moito que “o principal e esencial sexa operar perfecto”. Amosou a súa sorpresa por que o PP negara que se trata de calidade asistencial para “acto seguido citar unha paciente que o está a pasar mal porque lle molesta a televisión do compañeiro de habitación” ou lembrar que os rapaces teñen TV gratis durante a pandemia.
O parlamentario socialista explicou “incluso a temperatura das habitacións forma parte da calidade asistencial”, e sinalou que “se tiveran feito as 300 camas a maiores previstas no proxecto público do Álvaro Cunqueiro igual poderíamos dispor de camas”.
Finalmente, criticou que o PP diga que “os recursos teñen límite” cando orzamentan 700.000 euros para pagarlles aos sacerdotes que traballan nos hospitais públicos” e preguntou “se os sacerdotes son calidade asistencial e a TV non”.