O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, instou hoxe á Xunta a crear a Axencia Galega de Saúde Pública co obxectivo de dotar de entidade propia a esta área de traballo. O responsable socialista presentou unha proposición non de Lei neste sentido na Comisión de Sanidade do Parlamento, que foi rexeitada polo PP.
Torrado reclamou unha “estrutura con máis potencia comunicativa e organizativa” con autonomía para a análise, investigación e apoio nas actuacións preventivas e de promoción de hábitos e boas prácticas en saúde comunitaria. Na actualidade, advertiu, Galicia conta cun departamento minusvalorado e unha estrutura “máis feble do que necesitamos” para a previsión e anticipación a novos problemas sanitarios de cara ao futuro.
Reclamou unha “estrutura propia e capacidade organizativa” para este servizo, que debe contar con “obxectivos e recursos propios”, logo de constatar a redución do 6 por cento no Orzamento da dirección xeral de Saúde Pública para o próximo ano.
Explicou que na actualidade este servizo atópase inserido dentro do Sergas, e polo tanto “limitado pola subsumisión dentro dunha administración na que o seu peso veu sendo sempre menor do que debía, limitando a súa capacidade de acción”. Esta área de traballo, engadiu, “necesita estar en permanente contacto coas liñas de investigación, planos asistencias do sistema sanitario e outros ámbitos como educación, seguridade ou emerxencias”.
Alertou da urxencia de dotalo da capacidade de “anticiparse aos retos do futuro” cunha estrutura “sólida inserida no Sergas”, e sinalou a necesidade de afrontar cuestións como as adiccións ao xogo, que forma parte de “pandemias sociais que podemos e debemos afrontar” e ás que Galicia está “chegando tarde”.
Redución orzamentaria
Julio Torrado alertou dos riscos para a xestión da saúde pública que ten a redución do orzamento específico para este departamento, máxime logo de que o grupo que apoia ao goberno galego votara en contra de tódalas emendas presentadas polos socialistas galegos aos Orzamentos da Xunta co obxectivo de recuperar as partidas perdidas.
Por este motivo, a iniciativa debatida hoxe propuña ademais “adquirir, manter e renovar de maneira constante un stock de material hixiénico e de equipos de protección para afrontar posibles problemas de saúde pública con recursos propios, evitando os posibles problemas de abastecemento iniciais”.