O voceiro de Sanidade denuncia un problema de modelo e de recursos no que a Xunta recorta profesionais, trata mal aos que ten e ademais non forma a substitutos
O voceiro de Sanidade do Grupo Parlamentario Socialista, Julio Torrado, reclamoulle hoxe á Xunta de Galicia que adopte as medidas necesarias para recuperar de maneira progresiva os niveis de atención presencial previos ao inicio da pandemia nos centros de saúde. Fíxoo mediante unha proposición non de lei debatida no Parlamento e que foi rexeitada polos votos en contra do Partido Popular.
Neste escenario, Torrado preguntou “que máis ten que pasar en Galicia” para que o PP se decida a mudar o seu modelo sanitario ante “o colapso” da atención primaria, que xa “non é algo puntual senón estrutural”. O parlamentario do PSdeG advertiu que “se non facemos algo, non só imos persistir no colapso senón que o sistema se vai derrubar definitivamente”.
Na súa intervención, Julio Torrado remarcou que “é moi difícil asumir que este colapso sexa sobrevido, imprevisto ou case casual”. Porén, sinalou que se debe “ a un problema de modelo e de recursos” e, tras isto, a “un problema de falla vontade política” para solucionar estas cuestións, o que é “aínda máis preocupante”.
A XUNTA RECORTA PROFESIONAIS, TRATA MAL AOS QUE TEN E NON FORMA SUBSTITUTOS
Polo miúdo, Julio Torrado explicou que na actualidade hai tres graves problemas que afectan á atención primaria e cuxa existencia está motivada pola “evidente intencionalidade” de chegar a esta situación por parte do PP.
En primeiro lugar, o deputado socialista lembrou que dende 2009 a atención primaria ten 966 profesionais menos. Así o corrobora unha análise dos orzamentos de Galicia, que evidencian que hoxe se pagan 966 nóminas menos que hai 12 anos. “Todos os demais datos que se din son mentira, diga quen os diga”, enfatizou. Ao mesmo tempo criticou que “contar 30 contratos nun mes como 30 persoas” non só é “explotación laboral” senón que resulta “indigno e unha milonga de quen ten pouco respecto polo seu amor propio, como escoitamos a veces no Pleno nas preguntas ao presidente”.
En segundo lugar -e á perda de profesionais- súmase outro factor: que os que se forman en Galicia acaban marchando por “unha condicións terribles”. Nesta liña, Julio Torrado sinalou que en torno ao 85 por cento dos profesionais que se forman en medicina familiar e comunitaria en Galicia non traballan despois no sistema da atención primaria galega. “Fano noutros ámbitos e tamén na sanidade privada” porque “as condicións no Sergas son das peores de España, cunha eventualidade inasumible e onde parece que hai un intento de ver quen precariza máis ao persoal”.
Xa como terceiro problema, Julio Torrado lamentou que a Xunta siga sen formar a novos profesionais. Ao respecto disto, e fronte as peticións dun MIR extraordinario por parte do Partido Popular, o deputado do PSdeG lembrou que –ademais dunha lei impulsada polo PP que di que non se pode facer- Galicia renunciou voluntariamente a ter 151 profesionais de medicina familiar e comunitaria nos últimos dez anos. “Ese”, salientou, “é o mellor MIR extraordinario que podiamos ter feito en Galicia”. Porén “alguén considerou que non había problema e non entendeu que se pode prever con lóxica matemática cando se van xubilar os profesionais porque a xente cumpre un ano cada ano”, ironizou.
En definitiva, “recortan, tratan mal aos que teñen e non forman substitutos”. “Onde querían resolver os problemas de persoal en Galicia? Na tómbola?”, preguntou Torrado.
“HAI QUE SAÍR DO MODELO MÉDICOCENTRISTA”
Con todo, á marxe dos problemas que afecta directamente á dotación de recursos humanos, o voceiro de Sanidade do Grupo Socialista tamén denunciou a existencia dun problema de modelo da atención primaria. Ese problema “ten que ver con que absolutamente todo está centrado no médico”, dende as receitas, á mobilidade, á saúde mental ou á fisioterapia. Así “saturamos a consulta do médico, que ademais ten un 35 por cento de traballo puramente burocrático, polo que ir a unha consulta é empregar máis da metade do tempo vendo como os facultativos pasan datos a un ordenador”.
Por iso, Julio Torrado incidiu na necesidade de “saír do modelo médicocentrista e ser verdadeiramente multidisciplinares”. Para iso apostou por incorporar modelos de conexión e establecer xerencias de atención primaria para descentralizar o sistema” co obxectivo de que a “se autoxestione e non dependa de ninguén”.