Julio Torrado ironiza con que Telmo Martín “debería dirixir o Sergas” despois de asinar un convenio para poñerlle vivenda aos médicos que vaian a Sanxenxo: “Admiten que non son capaces de resolver o problema cos seus propios medios”
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, pediulle hoxe á Xunta que deixe o “monopoly sanitario”. Fíxoo ao fío do “inaceptable” convenio asinado entre o Sergas e o Concello de Sanxenxo para poñerlle piso aos facultativos de fóra de Galicia que vaian traballar ao centro de Atención Primaria da localidade no verán.
Torrado cualificou de “gravísimo” que o Sergas asine un acordo destas características, porque “alimenta un problema de inequidade absoluto” entre municipios e “avala un modelo absolutamente ineficiente”. A maiores, Torrado advertiu que introduce “un desequilibrio nas ofertas de prazas” e “un concepto puro de mercado liberal absolutamente desregulado sobre a atención á saúde”, un servizo que “nun país normal ten que ser regulado pola administración competente”.
Incidiu tamén en que deste xeito “estase a discriminar a territorios e, por tanto, a persoas”. “A sanidade non pode ser un privilexio”, subliñou, “e este convenio converte a sanidade nun privilexio de uns fronte a outros”.
Por iso, considerou que os responsables do Sergas “deberían dimitir automaticamente” ao asinar un acordo que pretende que “alguén de fóra lles resolva unha competencia que é propia”. “Polo menos”, ironizou, “déixenlle ao alcalde de Sanxenxo que dirixa o Sergas”, xa que “vostedes non son capaces de resolver o problema cos seus propios medios”. En calquera caso, Julio Torrado alertou de que a solución á situación da atención primaria “non é andar alugando casiñas ou ver quen pon máis”.
Fronte a isto, Julio Torrado demandou hoxe -a través dunha proposición de lei debatida hoxe no Parlamento- que garanta a equidade territorial entre concellos na cobertura de prazas de médicos de atención primaria, tamén durante o verán. A proposta saíu adiante coa unanimidade de todos os grupos políticos.
Para Torrado, o apoio do PP demostra o seu temor a proseguir “con esta bufonada e monopoly sanitario que montou o Sergas”, probablemente non por criterios sanitarios, senón por intereses orgánicos do PP. Nesta liña, advertiulle aos populares que o voto a favor desta iniciativa supón que todos estamos a favor de que o Sergas “debe revocar o convenio porque destrúe o criterio da equidade territorial da sanidade e, en definitiva, a igualdade de dereitos sanitarios dos cidadáns”.
Incidiu ademais en que o convenio suscita multitude de dúbidas ás que que o propio conselleiro de Sanidade foi incapaz de contestar en Pleno “porque debe estar abochornado de verse obrigado a asinar un convenio por intereses do PP”. Entre esas dúbidas, Julio Torrado pediu que se aclare quen vai publicitar esas prazas, se se van ofertar dúas prazas iguais con condicións laborais distintas ou se so van a poder aspirar a elas médicos da privada e de fóra de Galicia.
Tamén se preguntou de quen son as vivendas e quen está utilizando cartos públicos para pagar o seu alugueiro. “Porque pódese dar a situación”, deixou caer Torrado, “de que alguén coñeza a catro amigos que veranean en Sanxenxo e se lles queira pagar unha vivenda”.
Nesta liña, a proposta socialista tamén reclamaba que se defina o criterio da consellería sobre a súa dispoñibilidade a asinar convenio con concellos sobre a cobertura de prazas nos centros de atención primaria municipais
Na súa intervención Julio Torrado sinalou que o problema da atención primaria en Sanxenxo “non é de agora”, senón que “leva sendo obxecto de debate durante anos” por mor de “un modelo desfasado, a falta de profesionais e a situación da infraestrutura” do PAC de Baltar. Malia que a Xunta se dedicou durante anos a “terxiversar e ocultar información” para dicir que Sanxenxo estaba ben atendido, agora o Sergas “descólgase de toda planificación lóxica e fundamentada en necesidades sanitarias”.
A INICIATIVA APROBADA HOXE NA COMISIÓN DE SANIDADE
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:
3. Facer público o documento asinado polo xerente do Sergas co Concello de Sanxenxo”.