Julio Torrado acusa a Portos de exercer “coma o cobrador do frac máis grande de Galicia” e lembra que o uso de aceites nesta modalidade de marisqueo a flote é “moi reducido” e non xustifica a taxa
O portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamoulle hoxe á Xunta que anule a nova taxa aplicada recentemente por Portos de Galicia aos rañeiros polo uso de aceites nos motores das embarcacións. Torrado presentou esta iniciativa na Comisión de Pesca do Parlamento, onde foi rexeitada polo PP “en base a argumentacións falaces”, dixo.
Torrado acusou a Portos de exercer “coma o cobrador do frac máis grande de Galicia”, ata o punto de que “ninguén sabe o que fai, pero o que si sabemos é que cobra moitísimo”, e resulta “perigosa para o sector do mar”, porque “non entende en que territorio se move e a que sector ten que axudar”. Explicou que o aceite que empregan os rañeiros -mariscadores que usan o raño a bordo de pequenas embarcacións- é de “pouco máis de un chupito en toda vida útil dos motores”.
O responsable socialista presentou esta iniciativa logo de recibir as queixas de representantes deste colectivo, sorprendidos polos requirimentos enviados dende Portos de Galicia para abonar a taxa. Aínda que a taxa é de 19 euros anuais, explicou que non corresponde ao uso de aceites a o consumo que fai este colectivo, xa que está pensada para embarcacións grandes que a asumen dende hai tempo porque empregan litros de aceite nos seus motores.
Reclamou unha planificación “moito máis sensata” por parte de Portos de Galicia, e que retire esta taxa para unhas embarcacións que faenan a metros da costa, con menos de dous metros de profundidade.
Rexeitou o argumento “falaz e construído sobre unha mentira” por parte do PP, quen sinalou ao goberno central pola “decisión política de Portos de cobrar esta taxa”. Reclamoulle que “non se avergoñen das súas decisións e non as argumenten en falacias” para cobrar “a quen menos ten”, e reiterou que “facilmente poden retirala, bonificar ou o que sexa”.