Julio Torrado acusa ao PP de impedir destinar parte da taxa do xogo á prevención de condutas adictivas, limitar a unha máquina por bar e renunciar a implantar o control de acceso ás máquinas de apostas nestes establecementos
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, lamentou hoxe que o PP e o goberno galego teñan convertido a nova Lei do Xogo nunha “oportunidade perdida” para regular este sector e o seu impacto na saúde pública. O responsable socialista interveu no debate en Comisión desta iniciativa que continúa o trámite parlamentario e queda vista para Pleno co voto en contra dos socialistas galegos.
Torrado advertiu que esta norma, que entrou “a rastras” e obrigada pola iniciativa que presentaron os socialistas galegos na Cámara autonómica o ano pasado, afrontou hoxe o último debate antes do debate definitivo despois de levar 3 meses paralizada dende o remate do debate en Ponencia. O responsable socialista lamentou a falla de iniciativa do PP para rematar o trámite dunha norma que resulta “vaga e insuficiente”.
Sinalou que o texto incorpora 3 emendas e transaccionan outras 5 dun total de 23 presentadas polo Grupo Socialista, deixando fora as principais aportacións, o que provoca que a norma quede lonxe dun “mínimo aceptable”. Explicou que a Lei deixa fora os 3 grandes obxectivos marcados polos socialistas galegos para garantir orzamento á prevención das condutas adictivas, limitar a 1 máquina por bar e implantar o acceso electrónico ás máquinas de apostas nos bares.
Torrado reclamou fixar na Lei que o 1 por cento das taxas recadadas ás empresas do xogo se destinen á prevención de condutas adictivas, o que suporía en torno a 600.000 euros anuais dos 60 millóns que percibe o goberno galego cada ano, máis que “o 0 por cento que dedican actualmente”. Tampouco aceptaron limitar a unha máquina por bar, deixando en dúas, permitindo así que compartan presenza as tragaperras e as máquinas de apostas deportivas.
O responsable socialista reclamaba tamén o control de acceso a estas máquinas nos locais de hostalería a través de DNI electrónico ou un mecanismo semellante, para evitar que as utilicen os menores, para os que “constitúe o punto no que comezan a xogar”, ou as persoas con problemas de adicción que se inscriben nun rexistro oficial, os coñecidos como autoprohibidos.
Espazos feirais e deportivos
Si que aceptaron as propostas do Grupo Socialista para prohibir os puntos de apostas en espazos feirais e deportivos, tal e como reclamaban as asociacións de ex xogadores e mesmo emendaron os técnicos da Consellería de Sanidade pero que fora inicialmente rexeitado polo PP. Tamén incorporaron a emenda socialista para permitir a renovación das autorizacións para as empresas do xogo.
O parlamentario socialista salientou que a norma acepta darlle voz aos concellos na implantación dos locais de apostas, “mellorado a medias, porque carecerán de mecanismos para limitar a implantación de casas de apostas”.