Acusa ao goberno galego de “dificultar o proceso de vacinación” e considera “insuficiente” que a vacinación se limite neste momento ao o 40 por cento das persoas de máis de 85 anos
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que incorpore máis centros de vacinación para subministrar a cuarta dose da covid e reforce o persoal sanitario co fin de “achegar a vacina ás persoas maiores”. O responsable socialista acusa ao goberno galego de encetar un sistema “confuso” que está a xerar problemas nas persoas que queren vacinarse.
Julio Torrado esixiulle ao goberno galego “que rectifiquen e abran a vacinación nos centros máis achegados á cidadanía” aproveitando a rede de centros de saúde do Sergas, tal e como fixeron nas anteriores rondas de vacinación”. Salienta que “están a provocar confusión ao chamar só a grandes centros de vacinación, aínda que digan que despois irán ás poboacións”, xa que “ninguén sabe o que está a pasar”, e “dificultan que a xente se vacine tanto como quere”.
Así sucede, dixo, que logo de máis de dúas semanas de vacinar á poboación de máis de 85 anos, e segundo os propios datos oficiais do Sergas, aínda estean sen recibir a súa dose 6 de cada 10 galegos e galegas desta franxa de idade, o que da a medida do “fracaso” da nova campaña organizada polo goberno galego.
O responsable socialista salienta as “numerosas queixas sobre as dificultades” que están a xerar ao obrigar a algunhas persoas de máis de 85 anos a realizar longos desprazamentos polos seus propios medios. “De A Fonsagrada a Lugo, de Entrimo a Ourense ou de Lalín a Santiago son desprazamentos que están a ser asumidos polas persoas maiores, coas dificultades que iso supón, e existindo centros sanitarios máis próximos”.
O Grupo Socialista reclama a “mellora do deseño inicial” preparado polo Sergas, abrindo á contratación extraordinaria dos profesionais sanitarios precisos “para poder ampliar o volume de centros de vacinación dispoñibles en Galicia para as persoas maiores”.
Torrado reclama que, ademais dos centros grandes para as cidades e o seu entorno, aproveiten “a capilaridade dos centros sanitarios de Galicia para poder achegar a vacinación ás persoas maiores, tendo en conta as súas normais dificultades operativas e mobilidade”.