O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, vén de levar ao Parlamento de Galicia unha batería de iniciativas parlamentarias para esixirlle á Consellería de Sanidade que cumpra co acordo que asinou a pasada semana co Concello de Meis para a construción do novo centro de saúde.
Torrado acusou á Consellería de artellar un “intento de boicot” dende o Concello en colaboración co PP e co sorprendente apoio do BNG, “de quen non se poderá esperar outra cousa que non sexa apoiar no Pleno Extraordinario do vindeiro martes a oportunidade histórica de ter o novo Centro de Saúde de Meis”.
O responsable socialista esíxelle ao goberno galego que cumpra co seu compromiso asinado en firme co Concello, logo de que este puxera a disposición un terreo libre de cargas, tal e como demandaba a Consellería de Sanidade. Agora o Sergas quere desvincularse do acordo amparándose nunha moción apoiada no Concello polo PP e o BNG reclamando unha proposta alternativa de terreo que xa no seu día fora desbotado pola Consellería.
Torrado sinala que esta advertencia “sorprendente e inusitada” que pode derivar na suspensión unilateral dun compromiso asinado “abre un problema grave sobre a fiabilidade dos acordos da propia Consellería e a súa lealdade institucional”. Esta fica, sinala, “aparentemente sometida a unha decisión partidista que pretende invalidar compromisos asinados do propio goberno de Galicia”.
Apunta que “a Consellería afirma aliñarse nesta cuestión cunha iniciativa plenaria dun municipio, despois de ter desbotado e afastado propostas locais de plenos municipais aprobadas por unanimidade sobre situacións e necesidades de novos centros de saúde en numerosos outros concellos”.
O parlamentario socialista advirte de que o Pleno Extraordinario convocado para o próximo martes ratificará a proposta asinada co goberno galego, pero “a Consellería quere buscar calquera escusa para actuar segundo os ditados do PP local de Meis, que está en contra do novo Centro de Saúde”.
A dita alternativa xa fora desbotada en base a criterios e informes técnicos da Consellería, foi presentada sen ir acompañada de ningún informe económico do custe, nin da súa idoneidade, nin tan sequera das supostas mellores condicións”.
Defende que “o goberno local buscou tódalas posibilidades durante anos, ata que finalmente conseguiu acadar un acordo entre propietarios da finca, goberno local e Consellería de Sanidade, que ademais foron ratificados polo goberno galego a través da súa sinatura en documento oficial”. Reclamoulle por iso á Consellería que “cumpra co acordado”, e alerta de que “a entrada do partidismo lamentable non pode desbotar un proxecto tan importante para o Concello”.