O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamoulle hoxe á Consellería de Sanidade “concreción, prazos e orzamentos” para levar adiante os cambios necesarios na Atención Primaria que afronten o problema das listas de espera na Atención Primaria. Presentou unha pregunta oral en Comisión para reclamar unha “solución acordada, que teña en conta aos profesionais e que poña orzamentos enriba da mesa”.
O responsable socialista cualificou de “inasumible e inaceptable” que “a xente sega agardando 20 días para unha cita en Atención Primaria, digan o que digan os argumentarios do PP”. Desmentiu o eslogan do goberno galego sobre un suposto cambio de modelo que “non avala ningún profesional nin sociedade científica” e que debera estar sustentado, engadiu, en “orzamentos, prazos e medidas” que non hai por ningures.
Como exemplo, sinalou ao anuncio dunha suposta renovación de equipos na atención primaria que na realidade “supuxo cambiar milleiros de impresoras” para soster “un mero titular” mentres nos centros de saúde hai “espirómetros que non funcionan e máquinas de raios que son retiradas”. A realidade da situación, dixo, é que ao reducir a presencialidade medran as listas de espera, porque “a xente que precisa unha cita ten que estar nalgún lado”.
Afeoulle tamén que apunten a un MIR extraordinario como suposta solución á situación cando “non son quen de contentar nin aos titores” para formar aos profesionais e atender ás tres maiores convocatorias MIR da historia fixadas polo goberno central dende a chegada de Pedro Sánchez. Ademais, engadiu, “como van facer un MIR extraordinario se se esgotan as prazas en cada convocatoria”, e preguntou en ton irónico se van buscar novos centros nos que formalos ou mesmo “inventar novos titores”.
Sinalou que antes destas convocatorias e antes da urxencia por formar MIR que lle entrou á Xunta, eles mesmos deixaron de formar 150 MIR para atención primaria que tiñan concedidos hai 11 anos, e deixaron que Rajoy conxelara a formación sen a mínima protesta.
Explicou que o problema deriva de que Galicia é unha das 3 comunidades autónomas coas peores condicións laborais e profesionais, cunha precariedade e falla de persoal que prexudica á calidade da atención sanitaria, mentres o goberno galego “bótalle a culpa aos profesionais dicindo que rexeitan contratos de 60.000 euros, o que é mentira e ademais demostraría que non se trata unicamente dun problema de cartos”.