Criticou, nunha comparecencia como portavoz da Executiva do PSdeG, que os populares cheguen a un acordo cun alcalde que puxo ao Concello “nunha situación de xestión límite”
“O conselleiro de Sanidade fala moito de intelixencia artificial e moi pouco de médicos e de pacientes”, censurou a preguntas dos medios sobre a falta de facultativos e a cobertura de prazas con MIR
Os socialistas galegos ven “con preocupación” que o PP, “que está gobernando de maneira moi vaga” na Xunta, sexa “moito máis decidido para facer negocios entre partidos en Ourense que para resolver problemas democráticos”. Neses termos se expresou hoxe Julio Torrado, que lembrou que o Concello ourensán “está nunha situación de xestión límite”.
Nunha comparecencia como portavoz da Executiva do PSdeG, Torrado explicou que, ante un goberno local “que ten inundado de problemas o Concello”, a proposta dos socialistas foi moi sinxela, “poñerse o mono de traballo e as catiúscas, poñerse a achicar, tapar as vías de auga e intentar reflotalo”, e por iso, detallou, o PSdeG fixo un chamamento a todas as forzas políticas.
Pero “o Partido Popular, mentres aparentaba dialogar, por detrás facía os seus negocios con Jácome”, insistiu como resumo ao anuncio do PP de que abandonaba calquera conversa, sucedido inmediatamente por outro anuncio: un pacto co alcalde. Torrado afirmou que cando os socialistas ven a Jácome na alcaldía, senten preocupación, pero Rueda “sente envexa”.
O portavoz sinalou que os populismos “non levan a ningún lugar” e que ante a situación límite de Ourense é necesario un PP “máis sensato”. “Pero o Partido Popular non é un partido puro, senón máis ben unha central de negocios, e aquí está facendo un negocio con Jácome que non lle interesa a ninguén máis que a Jácome e ao PP”, denunciou. “Xa sabíamos que a Rueda o dirixían con mando a distancia dende Madrid. Agora sabemos que o mando a distancia tamén ten botóns en Ourense e que o dirixe Jácome”, engadiu.
Torrado finalizou facendo un chamamento a Rueda. “Que sexa sensato e pense se esta é a imaxe que quere trasladar. Se prefire negociar cun goberno local coma o de Jácome en vez de solucionar os problemas da cidadanía como estábamos propoñendo os socialistas”, suxeriu.
Solucións “bastante máis artificiais que intelixentes”
A preguntas dos medios sobre a situación da sanidade galega e, en máis en concreto, sobre os MIR, Julio Torrado rexeitou que os médicos internos residentes “perdan meses de formación” e que “funcionen como man de obra barata”, tal como planeou a Xunta. “O conselleiro de Sanidade fala moito de intelixencia artificial e moi pouco de profesionais e de pacientes”, alertou sobre unhas receitas para o sistema sanitario que son “bastantes máis artificiais que intelixentes”.
Por iso, recomendoulle ao máximo responsable da sanidade galega que busque “solucións naturais” en lugar de pasar o día “tirando de argumentario fácil e culpando a outros” dos problemas nunha competencia que é autonómica. “Probablemente, se nos tiveran feito caso, a solución sería mellor”, dixo sobre unha proposta que pasa por “contratar máis profesionais, facer unha atención primaria máis ampla e ofrecer mellores condicións laborais”. En contraste, “Galicia é das comunidades con peores condicións laborais e a que menos paga aos seus MIR”.
“A única planificación que ten a Xunta é intentar deseñar como lles bota a culpa a outros. Mentres, ministerio, asociacións profesionais, colexios médicos, sindicatos representantes dos profesionais… Todos apuntaron que a solución non é que os MIR acaben con menos formación”, explicou Torrado, que indicou que “pouco se pode esperar dun conselleiro que ri do que ri”. “Nunca pensamos que foramos botar tanto de menos ao anterior”, concluíu.