O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, denunciou hoxe o “cinismo” e “hipocrisía” do PP e do goberno galego na xestión da sanidade pública. O parlamentario socialista propuxo no Pleno do Parlamento que a Xunta cambie a Lei de Saúde galega para equiparala á das Illas Baleares “que tanto defenden”, e ademais presentou unha proposta do grupo de expertos sanitarios para mellorar o modelo de Atención Primaria, e o PP votou en contra nos dous casos.
Torrado acusou ao PP de provocar un “debate falaz” co único obxecto de “construír o relato da guerra e non da solución”, logo de constatar a negativa do PP a incorporar unha emenda á súa proposición non de Lei para equiparar a reforma Lei de Saúde galega –recorrida diante do Constitucional- á de Illas Baleares. Lembrou que o PP di que son “idénticas” e que a de Baleares non foi levada diante do alto tribunal pola diferenza de trato con aquel goberno.
O responsable socialista denunciou o “exercicio de hipocrisía”, xa que ao negarse a cambiar a norma galega para adecuala á Constitución “están recoñecendo que non é o mesmo, e que o único que lles importa é facerlle a guerra ao goberno do Estado”. Lembrou ademais as palabras do propio portavoz do PP nas Illas Baleares, que alá se opuxo á Lei que o PP galego pon como exemplo cualificándoa de “inconstitucional, vulnera dereitos fundamentais e innecesaria”.
Julio Torrado sinalou diferenzas “de calado” entre as dúas leis, xa que mentres o texto de Galicia permite obrigar a impoñer a vacinación a toda a poboación, en Baleares limítase a “grupos determinados en momentos determinados”. Explicou que a poboación ten “dereito a equivocarse e non vacinarse”, o que é compatible coa disposición de Baleares, que permite por exemplo vacinar aos profesionais sanitarios, ou impedir a entrada a persoas non vacinadas nunha residencia.
O parlamentario socialista explicou, ademais, a lei balear “impide a especulación” coa pandemia, limitando o prezo das PCR e dos test de antíxenos, mentres “o de delimitar que alguén se forre coa pandemia non está na Lei galega”.
Grupo de expertos
Torrado presentou ademais unha proposición non de Lei con exactamente as mesmas conclusións que presentou o grupo de expertos independentes en materia de xestión sanitaria que convocou o propio goberno galego. Aquela análise, titulada “Por unha Atención Primaria vertebradora do sistema de saúde”, constituía un “correctivo severo” ás políticas da Xunta nos últimos dez anos, polo que foi “agochado” polo Executivo, convocando un segundo grupo, esta vez de parte.
O Grupo Socialista reclamou así a incorporación dun maior número de profesionais ao sistema de Atención Primaria, a renegociación das condicións laborais dos profesionais, e a mellora das condicións laborais para reducir a eventualidade. Torrado acusou ao PP de “mentir” ao asegurar que hai máis profesionais sanitarios cando o que se multiplicaron foron os contratos por días, e cando os Orzamentos constatan que hai 1.000 profesionais menos que en 2009.
Dixo ademais que “fan trampa” cando aluden á taxa de reposición que limita as contratacións para xustificar a falla de profesionais, unha taxa que nunca discutiron cando chegaba ao máximo cos gobernos de Rajoy e que en Galicia piden que se retire, cando votaron en contra na Comisión de Reconstrución do Congreso e nin sequera o emendaron no debate dos Orzamentos.
O parlamentario socialista propuxo ademais a reformulación da xestión laboral, buscando a ampliación de funcións e capacitacións, promover a conexión entre os servizos de saúde mental e de Atención Primaria. Pediu ademais habilitar a solicitude de probas diagnósticas por parte dos enfermeiros e enfermeiras, como xa poden facer en moitas comunidades autónomas, ou implementar a figura do profesional ou equipo de triaxe nos centros de saúde.
Chamou a “reformular” o modelo de Atención Primaria e “reverter a política de concentración de recursos” da Xunta, centrada na “perda de capilaridade da Atención Primaria” reducindo os profesionais e abandonando aos hospitais comarcais en favor dos grandes centros hospitalarios urbanos.