O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, denunciou hoxe a “cicatera” política de Recursos Humanos do Sergas, que se ten convertido, dixo, na “peor ETT de Galicia”. O responsable socialista presentou unha interpelación no Pleno do Parlamento pola situación laboral dos profesionais sanitarios, con enfermeiras que chegan a acumular 270 contratos ao ano e médicos de familia obrigados a atender a 50 pacientes ao día.
O responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que “poña as pilas” coas condicións laborais dos sanitarios galegos, que teñen suscitado sentenzas xudiciais en contra constatando a contratación “torticeira e fraudulenta” por parte do goberno galego. Advertiu que esta xestión reduce a capacidade de ser eficientes dos sanitarios galegos, que teñen que afrontar xornadas imposibles cunha “precarización absoluta” das súas condicións laborais.
Torrado esixiulle ao presidente da Xunta unha “desculpa” logo de atacar aos sanitarios galegos amosando o seu “desprezo profundo” polas reivindicacións laborais. Sinalou que “non todo é diñeiro, non poden dicirlle á xente que non pode reivindicar estabilidade porque cobran moito” cando esixen ao mesmo tempo que concedan 10 minutos de consulta a 50 pacientes diarios con xornadas de 7 horas, cando necesitarían 8 horas continuadas sen parar nin para ir ao baño.
Dixo que “xa está ben de apelar á vontade e ao compromiso moral” dos sanitarios galegos, e puntualizou que “dicirlles que abandonen as reivindicacións laborais é non entender o sistema ou pretender que a xente sexa escrava do mesmo”.
Déficit de contratación
Apuntou a que a sanidade pública galega está a padecer un problema de “déficit de contratación” derivado da falla de planificación do goberno galego, que ten “improvisado” a súa política de recursos humanos, perdendo de convocar 150 MIR que tiñan habilitados. Sinalou que os MIR galegos rematan a súa formación en Galicia e despois o 80 por cento deles marchan na busca de contratos estables.
A consecuencia directa desta situación é que Galicia ten a peor taxa de médicos por habitante de España e a peor taxa de profesionais de enfermería, logo de anos nos que Galicia nunca chegou ao tope de contratacións de médicos residentes agás estes dous últimos anos.