Reclama a esixencia do DNI electrónico, o control de acceso e destinar o total de sancións e o 1 por cento da recadación por taxas á prevención da ludopatía
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, rexeitou hoxe a Lei do Xogo presentada pola Xunta no Pleno do Parlamento, que cualifica de “tibia, branda, falla de ambición e de valentía”. Torrado empregou os argumentos do informe “demoledor” do CES contra esta norma, que recibiu tamén alegacións das Consellerías de Sanidade e do Mar, para presentar a emenda de devolución ao texto, que foi rexeitada polo PP.
O responsable socialista criticou que o goberno galego presente unha norma “baleira de contido”, que empraza á regulación a través de regulamentos elaborados polo goberno sen control parlamentario, e que foi presentada “ao trantran”, obrigados pola iniciativa rexistrada polo Grupo Socialista en maio deste mesmo ano e debatida en outubro.
Lamentou a “inconcreción” do texto, presentado en 6 meses polo novo conselleiro de Presidencia logo de “6 anos de anuncios” do actual presidente da Xunta mentres ocupaba aquela carteira. Julio Torrado advertiu que o texto está deseñado para “deixar de novo en stand by” e desenvolvela a través de regulamentos executivos “sen publicidade nin debate”. Criticou que adíen por exemplo a regulación dos requisitos do xogo e das apostas a un Regulamento posterior.
O parlamentario socialista preguntou “para quen está feita esta Lei?”, que recibiu serias alegacións procedentes do CES, encabezado polo ex conselleiro Agustín Hernández, así como pola Consellería de Sanidade, que pedía impedir a presenza de xogo nos recintos feirais e deportivos, e que foi rexeitada, como rexeitaron todas as alegaciońs da Consellería do Mar “agás unha”.
Propostas
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista sinalou as principais eivas da norma e reclamou por exemplo o control de acceso mediante o DNI electrónico, que tamén reclaman as asociacións de prevención da ludopatía. Esta medida permitiría evitar o xogo polos menores de idade e polos “autoprohibidos”, aquelas persoas con condutas aditivas que precisan que se lles impida o acceso a locais e máquinas de xogo.
Tamén reclamou o control de acceso do xogo aos recintos deportivos e feirais, onde a grande afluencia de xente dificulta o desenvolvemento de apostas, unha reclamación que tamén presentou a propia Consellería de Sanidade e que foi rexeitada polo goberno galego. O Grupo Socialista tamén reclama endurecer a implantación de locais de xogo en Galicia, así como limitar a unha máquina por local de hostalería, tal e como reclama parte da patronal.
Ademais, reivindicou unha maior dotación económica para prevención da ludopatía, que neste momento é “inexistente” por parte do goberno galego. Censurou que a proposta do Executivo sexa destinar un “escaso” 25 por cento das sancións recadadas, precisamente cando agochan o que teñen recadado.
O Grupo Socialista quere que o goberno galego destine á prevención o total do recadado por sancións e o 1 por cento das taxas por xogo, unha contía que suporía 600.000 euros dos 60 millóns percibidos en materia de impostos durante o ano pasado.