Insta ao goberno galego a “retirar” os acordos de xestión sobre obxectivos e a iniciar un proceso de negociación real cos profesionais de Atención Primaria
O voceiro de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, vén de censurar que a Xunta promova “unha visión negativa” dos profesionais sanitarios ao dar a coñecer acordos de xestión sobre obxectivos “que non dependen dos propios profesionais” e “están impostos pola Consellaría”. Fíxoo, hoxe, logo da presentación dunha batería de iniciativas no Parlamento.
“Os recentes acordos de xestión feitos públicos alimentaron unha idea perversa sobre a actitude e funcionamento dos centros de Atención Primaria e promoveron unha visión negativa dos profesionais para librar supostas responsabilidades da Consellaría”, incidiu Torrado, ao sinalar que “poñen en valor decisións sobre presencialidade que non dependen dos propios profesionais, co que se transmite unha idea absolutamente delirante do funcionamento dos centros de saúde”.
Neste senso, o responsable socialista lamentou que “en troques de explicar correctamente o funcionamento do sistema e de dotar de medios para que poida ser retornada a presencialidade aos niveis adecuados, os profesionais vense expostos a que se transmita a idea de que son os médicos quen non queren atendelos”.
Por todo isto, Torrado instou ao goberno galego a “retirar” os acordos de xestión sobre obxectivos e a iniciar un proceso de negociación “real” cos profesionais de Atención Primaria, de xeito que “permita establecer criterios de funcionamento e obxectivos de maneira compartida e tendo en conta as necesidades de recursos humanos e materiais para dotar ao sistema do maior aproveitamento da súa potencialidade”.
Por último, o voceiro socialista lamentou que Galicia afronte a situación da covid cun problema de persoal grave no sistema sanitario, o que é consecuencia das “políticas de recortes” que se levaron a cabo durante os últimos anos. “Galicia é a terceira peor comunidade autónoma de España en cociente de médicos por habitante e tamén a terceira con peor cociente de enfermeiros por paciente con 5,4 por cada 1.000”, sentenciou.