Censura o “trato de favor” da Xunta co sector cando “os locais de apostas foron os after da pandemia porque o goberno galego lles permitiu máis flexibilidade de horarios que á hostalaría”
Urxe á Xunta a elaborar e publicar unha Lei do Xogo de Galicia “de maneira inmediata”
O voceiro de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, alertou, hoxe, na Comisión de Sanidade do Parlamento, de que Galicia se atopa “á cola” da regulación en materia de xogo, xa que a nosa comunidade autónoma ten unha lei en vigor redactada no ano 1985, sendo a única con Cataluña e Andalucía que aínda non renovou a súa lexislación nesta materia.
“Agora mesmo isto é unha selva sen lei”, denunciou o dirixente socialista tras sinalar que as competencias nesta materia foron trasladadas a Galicia nos anos 80, pero a norma non se renovou en 37 anos, cuestión que si fixeron a maioría das comunidades autónomas, a máis recente, Valencia.
Ao fío disto, Torrado incidiu en que a lei galega en vigor “non responde ás problemáticas actuais” xa que “hai 37 anos non podíamos regular o xogo online porque Internet aínda estaba en cueiros”. Así, lamentou a expansión da presenza de casas de apostas e “a cantidade inxente e incontable” de máquinas de xogo en locais de hostalaría, que son, estas últimas, “o principal foco de adicción entre a xente máis nova”.
“O sector está aproveitando as circunstancias dunha regulación laxa e desfasada para expandirse”, subliñou, “coas causas dramáticas que isto pode causar”, xa que a adicción ao xogo provoca “problemas de conducta moi graves”.
A XUNTA TEN “UN PACTO NON ESCRITO” CO SECTOR DO XOGO
Neste sentido, o vicevoceiro socialista denunciou o “trato de favor” da Xunta co sector con quen “parece ter un pacto non escrito”. Así, lembrou que “os locais de apostas foron os after da pandemia porque a Xunta lles permitiu máis flexibilidade de horarios que á hostalaría”, o cal presupón que o goberno galego “estaba incitando” á cidadanía a ir a casas de apostas “cando non tiña a posibilidade de seguir nun local de hostalaría” polas limitacións horarias.
Con todo isto, Torrado urxiu á Xunta a elaborar un novo marco normativo cando ademais dende a Xunta “levan moitos anos falando de anteproxectos de lei” para actualizar a lexislación nesta materia, pero a día de hoxe “segue parada”.
“Porán un paraugas cando xa deixe de chover e regularán algo cando xa cheguemos tarde”, alertou o socialista, quen concluíu incidindo en que “é necesaria” unha Lei do Xogo de Galicia que regule o sector “de maneira inmediata”.