O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, alertou hoxe de que a Saúde Mental “non é un dereito real, é un privilexio” na saúde pública galega. O responsable socialista presentou unha proposición non de Lei para dotar de recursos á “irmá pequena” do sistema sanitario, que sobrevive “arrinconada orzamentariamente”, así como “en termos de asistencia sanitaria e de modelo de asistencia”, que foi rexeitada polo PP.
Torrado reclamou que sexa considerada “un dereito, e que se cumpra” para que sexa atendida “en condicións mínimas para ser eficiente”. O seu “esquecemento” polo sistema, explicou, tradúcese no peor balance de profesionais por habitante –psiquiatras, psicólogos ou enfermeiras especialistas- e provoca que Galicia teña os peores datos do Estado en consumo de psicofármacos e a maior ratio de suicidios.
O responsable socialista alertou de que “non temos un modelo de saúde mental que nos diga cara onde vamos”, cun goberno galego que “non da resposta estratéxica de se descentralizar ou concentrar servizos, se queren integrar a Saúde Mental no sistema de centros de saúde, como fan os sistemas desenvolvidos do mundo, ou queren apartalos”. Torrado sinalou que “ninguén sabe onde quere ir o goberno, máis alá de que quen poida pague, e quen non, que se apañe”.
A proposta presentada hoxe comezaba pola petición á Xunta de dar cumprimento efectivo a un acordo parlamentario previo, do 23 de marzo pasado, para convocar 120 prazas de saúde mental nun só ano. Acusou ao PP de “minusvalorar e menosprezar o labor do Parlamento” e dos acordos parlamentarios, e reclamou un informe da evolución do acordo “no prazo dun mes”.
O Grupo Socialista presentou de novo unha proposta para promover a conexión entre os servizos de saúde mental e a atención primaria e desenvolver o Plan Galego contra o Suicidio, e axilizar os medios e recursos necesarios para crear unha unidade de hospitalización infanto – xuvenil en cada área sanitaria antes do fin da Lexislatura.
A iniciativa, que incluía tamén fixar unha comisión de seguimento que avalíe anualmente a evolución das medidas do Plan Galego de Saúde Mental, tal e como fora aprobada en marzo de 2021, sen embargo nesta ocasión foi rexeitada polo PP.