O viceportavoz do Grupo Socialista critica que o Orzamento para 2023 inclúe “máis sacerdotes que prazas novas de médicos”
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, alertou hoxe da “falla de credibilidade” dos orzamentos de Sanidade para 2023, por canto continúan incorrendo en erros financeiros graves, anuncian partidas que “non existen nos papeis” e agochan que na realidade tan só van contratar 42 novos médicos. Así o dixo na comparecencia do conselleiro hoxe no Parlamento para presentar os orzamentos do próximo ano.
Advertiu que o Sergas inclúe en 2023 “máis sacerdotes (52) que prazas novas de médicos (42)” malia os anuncios de centos de contratos que en realidade corresponden á consolidación de prazas xa cubertas. Resumiu que a pesares de que a Xunta agocha por primeira vez o cadro que diferenza o persoal de atención primaria e hospitalaria, a realidade é que “todos os servizos de todas as comarcas de toda Galicia, todas as convocatorias de Sanidade se resumen en 42 contratos”.
O parlamentario socialista explicou que estes novos profesionais suporán apenas, explicou, o 0,5 por cento dun sistema sanitario como o galego que conta con 8.200 profesionais médicos, que padecen unha política de persoal caracterizada pola “precariedade e o déficit” de prazas.
Julio Torrado advertiu que os Orzamentos do próximo ano van perpetuar a situación precaria da atención primaria, que apenas aumentarán en 33 millóns de euros “segundo o que está escrito nos papeis”, fronte ás declaracións contraditorias entre o presidente da Xunta, o conselleiro de Facenda e o conselleiro de Sanidade, incrementando artificialmente a partida.
Consello de Contas
Un Orzamento, dixo, que é cuestionado polo propio Consello de Contas, que alerta reiteradamente que as contas de Sanidade son “sistematicamente opacas”. Así sucedeu cos 159 millóns de euros de fondos covid para sanidade entregados á Xunta en 2020 e que aínda non explicaron onde foron parar, ou os 700 millóns de euros que destinan cada ano a contratos a dedo, “7 veces máis que o resto do goberno todo xunto”.
Ademais, dixo, de que a final de ano “duplican es triplican” partidas imprevistas, cun orzamento executado “elevadísimo en comparación co que se orzamenta”, co que, dixo, “ou non se decatan do que executan ou orzamentan mal a propósito” e empregan o fondo de continxencia “de maneira torticeira”.
Criticou que esta falla de rigor nas contas de Sanidade leva a que “anuncian nas memorias dos orzamentos e nos medios partidas que non existen nin están rexistradas”, como é o caso dos centros de saúde de Barro, Meis ou Vilagarcía, ou a actuación do Hospital do Salnés, que non están orzamentados malia que si estean anunciados.