Julio Torrado reclámalle ao conselleiro de Sanidade que exerza as súas competencias para mellorar a situación da atención primaria e sinala: choran con moito márketing o que non souberon defender coa súa política
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, responsabilizou á Xunta de ter provocado a “situación límite” da atención primaria, cunha saturación “inasumible”. Primeiro na comparecencia do conselleiro de Sanidade, e despois na Interpelación sobre o mesmo tema no Pleno do Parlamento, dixo que “os recortes de onte e as condicións laborais de hoxe constitúen a tormenta perfecta para a situación que vivimos”.
O responsable socialista urxiu ao goberno galego a tomar medidas para mellorar as condicións laborais dos profesionais de atención primaria, garantindo estabilidade para os traballadores dunha atención primaria “multidisciplinar”, con mais categorías.
Julio Torrado acusou ao conselleiro de Sanidade de “chorar con moito márketing o que non souberon defender coa súa política”. Resumiu que “primeiro impulsaron recortes, desprestixio dos profesionais e malas condicións laborais, e agora teñen un problema do que queren saír mediática e publicamente” responsabilizando ao goberno central, pero “non queren resolver o problema”.
Resumiu que “vostede veu dicir que a atención primaria está en situación límite, os internistas en pe de guerra, os centros comarcais desabastecidos de profesionais, o servizo de ambulancias sen vehículos, pero que todo ben, que todo o malo depende do PSOE”.
Torrado sinaloulle ao responsable do goberno galego en ton irónico que “imaxine que é o conselleiro de sanidade, que puidera participar no Consello da Xunta e que puidera tomar decisións sobre o sistema ou mesmo capacidade de contratar profesionais”. Lembroulle así que el é o titular de Sanidade, e que ten capacidade executiva, orzamentos e competencias para “resolver o problema”.
O parlamentario socialista tomou o argumento de Rueda –“proben a experiencia de baixar impostos”- e deulle a volta para aseverar: “proben a experiencia de investir en Sanidade”. Sinalou así que a saturación de hoxe, con profesionais atendendo máis de 50 consultas ao día e “abandonados á súa sorte”, é consecuencia precisamente dos anos nos que o goberno galego “recortaba cun sorriso na cara e presumía diso”.
Julio Torrado acusou á Xunta de ter situado a Galicia por debaixo da media do Estado en investimento por habitante na atención primaria, e que esta Comunidade Autónoma sexa a segunda do Estado que menos inviste en atención primaria, cun 11,6 por cento e só por diante de Madrid.
Os Orzamentos da Consellería de Sanidade tan só aumentaron un 0,03 por cento neste ano, perdendo peso relativo, para un sistema que conta con 976 profesionais e 140 millóns de euros de atención primaria menos que no ano 2009, mentres hai en Galicia 450 médicos menos por cada 100.000 habitantes, 30 menos dos 480 da media de España.
MIR: é o mercado, amigo
Julio Torrado afeoulle ao goberno galego que responsabilice ao Estado da falla de médicos MIR en Galicia, cando renunciaron a convocar 151 prazas de especialidade de medicina familiar e comunitaria. Lembrou que as últimas 4 convocatorias consecutivas do goberno central, dende a chegada de Sánchez, teñen sido as mais grandes da historia, incrementando nun 200 por cento as de Rajoy, nas que “non dicían nada”.
Lembrou ademais que na primeira das últimas 4 convocatorias o goberno galego quedou sen convocar 64 prazas “porque as pediron fora de prazo, cando xa estaba convocada”. Criticou que o goberno galego estea agora a solicitar cambiar as condicións para as convocatorias MIR e facer convocatorias extraordinarias que “non se pode pola reforma sanitaria de Ana Pastor” como ministra de Sanidade e Rajoy como presidente do goberno.
Puntualizou ademais que “non hai ninguén que pedira unha praza MIR de familia en Galicia e non a tivera”, xa que quedaron vacantes porque, sinalou citando ao ex ministro do PP Rodrigo Rato, “es el mercado, amigo”. Apuntou que “con este mesmo sistema en outras comunidades autónomas non quedaron baleiras”, pero en Galicia é o goberno galego quen “ofrece condicións deplorables nun sistema de atención primaria” que teñen “desprestixiado” deliberadamente.
Torado lamentou que o PP “non explique por que o PP non implantou a especialidade de MIR de urxencias que agora reivindican, ou que deixaran sen pedir aquelas 151 prazas MIR”, entre elas as que lle correspondía convocar ao actual conselleiro de Sanidade cando era xerente da área sanitaria de Ourense. Precisou que o goberno central permitirá os MIR de Urxencias e que “volverá facer a maior convocatoria MIR da historia”