O portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Julio Torrado, acusou hoxe á Consellería do Mar de alimentar o conflito entre bateeiros e percebeiros pola recollida da mexilla incumprindo a orde de regulación para a extracción da mexilla de 2000. Torrado presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que denunciou unha “vendetta” contra os bateeiros aos que “non lle perdoan que tumbaran a Lei de Acuicultura”.
Julio Torrado, que presentou esta pregunta logo dun encontro co alcalde de A Illa de Arousa, Carlos Iglesias, e representantes dos bateeiros que seguiron o debate no Parlamento, criticou que a Xunta, despois de “abandoalos co Prestige, quixéronos vender coa Lei de Acuicultura e agora queren quitalos do mar, e a pregunta é por que”.
Denunciou que o revanchismo do goberno galego, logo da oposición do sector a unha Lei de Acuicultura deseñada para acabar ao sector para dar entrada a axentes privados, os leve a provocar unha “tensión dificilmente soportable” entre bateeiros e mexilloeiros logo de 60 anos de convivencia pacífica.
Criticou que “dividen para vencer”, e “alimentan o conflito” para agochar que “xestionaron mal” o equilibro da recollida do percebe e responsabilizar en falso aos mexilloeiros, e explicou que tódolos informes científicos demostran que a recollida de mexilla non prexudica á produción de percebe.
Censurou que agora cheguen a incumprir a orde de extracción de mexilla para impoñer o veto á recollida en zonas de extracción con horas de antelación, enfrontando a “uns contra outros” e prexudicando tanto aos traballadores do mar como ás depuradoras e coceceiros de mexillón. A deriva do goberno galego provocou mesmo que Mexillón de Galicia quedara sen poder aspirar ao selo de garantía de calidade da UE.
Denunciou a “falla de diálogo e de propostas” do goberno galego, que pretende “impoñer” a súa normativa, ata o punto de que “por primeira vez na historia lle dimitiron tódolos membros da Mesa do Mexillón, igual o que teñen que cambiar é o seu concepto de diálogo”. Esixiulle ao goberno galego que “traballen para que os bateeiros teñan a posibilidade de extraer mexilla onde hai”, mentres o goberno lles permite traballar en “espazos nos que non hai mexilla”.