Critica no Parlamento a cesión por parte do Sergas ao sector privado da maquinaria oncolóxica doada hai 8 anos pola Fundación Amancio Ortega
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, criticou hoxe a decisión do goberno galego de cederlle a maquinaria oncolóxica doada pola Fundación Amancio Ortega hai 8 anos a unha clínica privada da Coruña concesionada parcialmente co Sergas. Torrado presentou unha pregunta na Comisión de Sanidade do Parlamento, na que acusou ao Sergas de “pagarlle á privada para que utilice unha máquina que é nosa”.
O responsable socialista resumiu a situación co exemplo gráfico de que “se a min me regalan un coche, vostede o colle a cambio dunha cuota, pero eu teño que pagarlle para ir no meu coche, eu estou facendo o parvo e vostede está facendo negocio”. Criticou que o goberno galego, logo de 8 anos “pensando que facer coas máquinas”, decidira cedérllelas a unha clínica concesionada como saída “tremendamente inxeniosa para saír perdendo a favor da sanidade privada”.
Torrado desbotou o argumento do director xeral de Asistencia Sanitaria, que defendía que a Xunta participaba da Fundación que xestiona o centro, o que non muda a súa natureza, como recoñeceu o propio presidente da Xunta. Logo dunha reunión do Consello, Rueda dixo que a maquinaria estará neste centro privado “mentres non poida ir a un lugar definitivo, que será un Hospital público”.
Puntualizou que por moito que a Xunta participe desta Fundación, “tamén atenden a pacientes das aseguradoras privadas que utilizan a maquinaria que ten o centro porque llela deu o Sergas”, co que en realidade “estanlle abaratando custes á sanidade privada para que poida tratar aos pacientes do privado”.