Censura que o goberno galego pida un MIR extraordinario cando renunciou a 151 prazas na última década
O voceiro de Sanidade do Grupo Parlamentario Socialista, Julio Torrado, acusou hoxe á Xunta de Galicia de apostar durante anos polos “recortes e o conformismo” en lugar de buscar solucións aos problemas “acuciantes” de recursos e de modelo que está a padecer a sanidade pública galega e que se viron “acelerados” por mor da pandemia.
Nesta liña, achacou ao goberno de Alberto Núñez Feijoo a responsabilidade da falta de medios e profesionais en atención primaria que “xa estaban antes da pandemia” e que se fixeron máis “chamativas” debido á crise sanitaria da covid.
Na súa intervención no Pleno do Parlamento de Galicia, tras a comparecencia do conselleiro de Sanidade, Julio Torrado criticou que a súa única resposta ante esta situación sexa responsabilizar a outros das eivas na xestión da Xunta. “Con tal de atopar un culpable”, censurou, “están conformes coa situación, pero é mellor buscar solucións que buscar culpables”, sobre tendo en conta que as competencias en materia sanitaria son do goberno galego, apuntou.
Como exemplo disto, Julio Torrado recordou “o vergoñento espectáculo” da Xunta cando acusaba ao goberno central de non achegar vacinas suficientes a Galicia. Con respecto a isto, evidenciou á incoherencia do goberno galego á hora de lanzar estas acusacións “ao tempo que presumían de ser os mellores do mundo en vacinación”. “Daquela con que vacinaron”, ironizou Torrado para deixar clara a incongruencia, “con auga bendita?”
Consciente de que xestionar a crise sanitaria é moi complexo, Julio Torrado lembrou tamén que a evolución da pandemia vai mellor que hai semanas porque “a vacinación é determinante”. Neste contexto, incidiu en que “as medidas están anticuadas” e “seguen empregando o manual de instrucións de 2020 cando estamos en 2022”. Por iso, apostou por “acompañar as medidas que se tomen á nova situación”, xa que “agora mesmo catro persoas non vacinadas son moitísimo máis problemáticas que dez si vacinadas”.
UN PROBLEMA DE MODELO E DE RECURSOS NA ATENCIÓN PRIMARIA
Xa no eido da atención primaria, Julio Torrado lamentou que a Xunta tamén busque culpables aos problemas de Galicia no goberno central, dicindo que o Ministerio de Sanidade empeza a tomar medidas agora. Fronte a isto, recordoulle ao conselleiro que o marco estratéxico do Ministerio é de 2019, cando o anterior rematara no 2012. Polo tanto, “o espazo temporal no que non houbo ningún marco estratéxico para a atención primaria en España foi co goberno de Mariano Rajoy e do PP”.
Por outra banda, o responsable socialista lembrou que na actualidade a atención primaria en Galicia sofre un problema de modelo e de recursos, e “non só porque a atención primaria ten menos orzamento que o ano pasado, que tamén”.
Así, no ámbito do persoal evidénciase un importante recorte na análise dos orzamentos autonómicos entre 2009 e 2022. Nesta liña, salientou que, “orzamento contra orzamento”, en 2022 hai 976 profesionais menos en atención primaria que no ano 2009. “Outra cousa”, sinalou, “é que queiran contar 30 contratos nun mes como 30 persoas”.
Ademais -á perda de profesionais- tamén se engade que o feito de que os profesionais que se forman en Galicia non acaban traballando no sistema público de atención primaria. Polo miúdo, Julio Torrado explicou que o 80 por cento dos MIR de medicina familiar e comunitaria en Galicia non exercen despois na atención primaria galega, senón que o fan na medicina privada, noutros ámbitos do Sergas ou noutras comunidades.
En consecuencia, “os que estaban xa os recortaron e os que tiñan que estar non están”. E, a maiores, engadiu, “os que poderían estar no futuro renuncian a convocalos”.
O GOBERNO GALEGO RENUNCIOU A 151 PRAZAS MIR NA ÚLTIMA DÉCADA
Nesta liña, o voceiro de sanidade do Grupo Socialista lembrou que Galicia renunciou voluntariamente a ter 151 prazas MIR en Galicia na última década. “Iso é ao que renunciaron”, salientou, “pero agora quéixanse e piden un MIR extraordinario”. “Para que o piden?”, preguntou, “para non convocalo?”.
En calquera caso, ademais de lembrar que o PP dicía antes un MIR extraordinario cada ano “era ilegal”, Julio Torrado pediulle ao conselleiro que cuantificase cantas prazas MIR máis piden e como pensan titorizalas e en que espazos. Lembrou, en todo caso, que hoxe hai 142 MIR en Galicia e que “se queixan cando nunca houbo máis de cen” cos gobernos do PP en Madrid.
Aos problemas de recursos Torrado sumou tamén o problema de modelo. Neste eido, o parlamentario do PSdeG incidiu en que “é bo liberar administrativamente aos facultativos” porque “canta máis labor administrativa faga outro persoal máis tempo poderán dedicar os médicos ao traballo clínico”. Desta maneira evitarase que, xa como sucedía antes da pandemia, os profesionais de atención primaria teñan que empregar un terzo do seu tempo pasando datos a un ordenador.
En paralelo, Julio Torrado avogou por implementar un modelo no que non todo estea concentrado no médico, como sucede na actualidade. Por iso, apostou por un sistema de atención primaria “multidisciplinar”, no que se diversifique, no que existan moitas máis especialidades, no que se amplíe o volume de profesionais ou no se faga triaxe en atención primaria.
En todo caso, Julio Torrado advertiu que “multidisciplinaridade non é un psicólogo por cada 400 mil habitantes, como incorporaron recentemente”. “Trátase tamén”, explicou, “de incorporar os servizos de saúde mental ou traballadoras sociais en primaria, por exemplo, ou de facer prevención de mobilidade, fisioterapia ou destinar especialistas a facer consultas puntuais en atención primaria”.