Lamenta a negativa do PP e do goberno galego a establecer un diálogo cos propietarios, están de acordo coa protección do entorno, pero “manteñen as súas reservas sobre o feito de que sexa a costa do seu patrimonio ou de ter as propiedades bloqueadas”
O parlamentario socialista Julio Abalde reclamoulle á Xunta que acade “un acordo razoable” para adquirir os terreos incluídos na zona de máxima protección do Parque Natural das Fragas do Eume. O responsable socialista cualificou de “incomprensible” que o PP rexeitara a proposición non de Lei que presentou hoxe na Comisión de Medio Ambiente para reclamarlle ao goberno galego que abra un proceso de diálogo cos propietarios.
O parlamentario socialista sinalou que os propietarios defende un acordo para que os terreos pasen a ser de titularidade pública ou ben que poidan ser explotados coas compensacións adecuadas, de forma que “poidan compatibilizar a conservación medioambiental e conservar os dereitos dos propietarios”.
Explicou que as Fragas do Eume constitúen “un dos tesouros da biodiversidade de Galicia”, que contan ademais cun importante valor cultural e etnolóxico nas súas 9.125 hectáreas. Explico que o Plan Reitor de Usos do Parque, aprobado o pasado ano, con máis de 20 anos de retraso dende que fora creado o Parque, fixa unha zona de máxima limitación de usos de 3.528 hectáreas, e inclúe 1,1 millóns de euros para compensar aos propietarios pola venta dos terreos.
Sen embargo, alerta de que esta contía “non chegaría para adquirir nin 400 das 3.528 hectáreas de alta protección”, e ata o momento tan só compraron 70 hectáreas, o que “non chega nin ao 25 por cento” do obxectivo marcado polo goberno galego. Ademais, sinala que o goberno galego ten marcado un prezo de 0,7 euros por hectárea como moito, lonxe dos 1,75 euros que fixaran en 1994, e moito máis lonxe dos 3 euros por metro cadrado nos terreos expropiados para as estradas.
Abalde explicou que o 90 por cento dos terreos afectados pertencen a pequenos propietarios, que “non rexeitan o Parque Natural, e están de acordo con fixar medidas de protección e manter a biodiversidade”, pero que “manteñen as súas reservas sobre o feito de que sexa a costa do seu patrimonio ou de ter as propiedades bloqueadas”.
Esixiulle ao goberno galego que “poña o mono de traballo” para lograr un acordo cos propietarios que blinde un “nivel de protección máximo para un entorno natural único en toda a fronte atlántica europea e os lexítimos intereses dos propietarios e propietarias dos terreos que ocupa o Parque Natural”.