Urxe aproveitar a implantación da FP Dual para incorporar oferta formativa nas especialidades que demandan os sectores económicos e estratéxicos da Costa da Morte
O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Julio Abalde, presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Educación na que lle reclamou ao goberno galego que amplíe a oferta formativa de FP na Costa da Morte para incorporar as especialidade que demandan os sectores económicos vinculados ao turismo relacionados co xeodestino, así como o sector marítimo pesqueiro. Abalde lamentou que o “incomprensible” voto en contra do PP impedira aprobar esta proposta.
O responsable socialista instou ao goberno galego a aproveitar a implantación da FP Dual e os fondos que recibe do goberno central para incorporar á oferta formativa as distintas ramas da xestión turística e cultural e aquelas vencelladas ao sector marisqueiro e pesqueiro. Advertiu que os centros de FP da comarca limítanse a ofrecer formación en ciclos relacionados maioritariamente coa administración e xestión, mecánica, electricidade e as distintas tecnoloxías informáticas.
Propuxo incorporar tamén as especialidades que demandan os sectores económicos e estratéxicos da zona como unha medida nuclear para loitar contra a sangría demográfica da Cosa da morte, que perdeu 5.563 habitantes dende 2009 e que ameza con deixar despoboada á zona nun prazo limitado de tempo.
Explicou que as políticas de formación para o emprego especializado e de calidade constitúen unha das medidas máis importantes para loitar contra o despoboamento, que contribúen a ofertar servizos de calidade que impulsen os principais sectores económicos, e que por iso deberan ser unha prioridade do goberno galego.