Sinala que a aula ten 12 prazas e 14 solicitudes, e a Xunta segue sen darlles solución aos 2 rapaces que deixan fora do centro
O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Julio Abalde, reclamoulle hoxe á Consellería de Educación que atenda á petición da Anpa do CEIP Mosteiro de Caaveiro e da Agrupación Municipal ao completo, incluído o PP, e desdobre a aula de Infantil para garantir a escolarización de tódolos nenos que o solicitaron.
O responsable socialista explicou que esta aula, que agrupa a tódolos nenos de 4 a 6 anos, ten un total de 12 prazas, con 10 nenos e nenas xa escolarizados e que continúan o curso que vén e 4 solicitudes para novas escolarizacións. A decisión da Xunta foi facer un baremo e darlle praza a 2 nenos, deixando aos outros 2 agardando sen saber se van ampliar as prazas ou teñen que marchar a un centro noutra localidade.
Sinalou que “o mínimo que poderían facer” é comunicarlle aos pais e nais que aceptan as 14 prazas, e reclamoulles que tomen medidas para que non haxa limitación para as novas incorporacións. Explicou que con esta situación, o curso seguinte a aula seguirá estando completa, polo que se atoparán con que haberá “cero prazas” para as novas incorporacións, repetindo o problema que teñen neste curso.
Por iso reclamoulle ao goberno galego que atenda á petición da comunidade educativa e do Concello da Capela e acepte o desdobre da aula, tal e como estaba antes da chegada da covid, en 2019. Dixo que a comunidade educativa de profesores e pais e nais “teñen ganas e apostan claramente pola educación no rural”, polo que lle esixiu á Consellería que sexa consecuente e atenda á súa “responsabilidade de traballar contra o despoboamento no rural”.