Acusa á Xunta de seguir un criterio “unicamente economicista” e advirte que o ensino de calidade “é imposible sen medios e sen manter as aulas abertas e cos medios necesarios”
O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Julio Abalde, reclamoulle hoxe á Consellería de Educación que atenda á demanda unánime das Anpas galegas, que reclaman un Plan integral para o ensino no rural. Abalde lamentou que o PP votara hoxe en contra desta proposta, que defendeu na Comisión de Educación do Parlamento dirixida a atallar as desigualdades do alumnado e o profesorado do rural.
O responsable socialista acusou ao goberno galego de primar un criterio “unicamente economicista”, que advertiu que no eido educativo é “cando menos perigoso”, xa que está a perpetuar “un problema social de primeira orde no noso país”. Advertiu que a educación de calidade “non se pode conseguir sen medios e sen manter as aulas abertas e ben dotadas das infraestruturas e do persoal que necesiten”.
Reclamoulle ao goberno galego que escoite ás asociacións de nais e pais galegos, que denuncian a supresión de unidades, prazas de especialistas de apoio educativo, agrupamentos forzosos, non cobertura de postos vacantes e falta de persoal de atención á diversidade. As Anpas, dixo, solicitan reiteradamente este plan integral para a educación no rural, coa modificación do mapa escolar, incentivando ao profesorado e coa mellora no transporte escolar.
Defendeu unha educación “de calidade, inclusiva e equitativa”, que garanta a igualdade de oportunidades e a atención á diversidade e que permite actuar como elemento de cohesión e punto clave para o mantemento e desenvolvemento da poboación nas zonas rurais. Lembrou neste sentido que a educación de calidade é un dos factores que aceleran o desprazamento das familias ás zonas urbanas.