Acusa á Xunta de renunciar ás súas competencias ao respaldar a proposta de Feijóo de pedir unha proba de acceso á universidade estatal e uniforme, que é “imposible de levar á práctica”, sinaladamente dende unha autonomía con lingua e cultura propias
O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Julio Abalde, reclamoulle hoxe ao conselleiro de Educación que garanta e asuma a prestación do servizo escolar de Madrugadores como complementario ao igual que o comedor e o transporte escolar. Abalde presentou unha interpelación para reclamar este servizo fundamental para a conciliación das familias e que é xestionado polos concellos e as Anpas.
O responsable socialista sinalou que o goberno galego dispón dos instrumentos para considerar como actividade complementaria este servizo, que atende aos nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria polas mañás, antes de que comece o horario escolar. Reclamoulle ao goberno galego que “non deixen a xestión única e exclusivamente nos concellos e as Anpas, que carecen de competencia e de responsabilidade”.
Criticou a participación “nula” da Consellería á hora de facilitar este servizo, que é fundamental para a conciliación de moitas familias galegas, e do que si dispón a práctica totalidade dos centros concertados. Reclamoulle ao conselleiro que traballe para liderar a implantación do servizo como un sistema coxestionado cos concellos mesmo compartindo custes, ademais de colaborar para visibilizar o servizo.
PAU
O tamén portavoz de Universidade do Grupo Socialista, Julio Abalde, acusou á Xunta de “renunciar ás competencias propias para establecer unha proba de acceso á universidade xusta e equilibrada”. Abalde presentou unha pregunta no Pleno logo de coñecer “nun mitin” que o presidente do PP anunciaba unha proba estatal única que resulta “imposible de levar á práctica”.
Criticou o “desleixo de funcións e de competencias por parte da Xunta” ao respaldar esta proposta, sinaladamente dende unha Comunidade Autónoma como Galicia, con lingua, literatura e cultura propias e polo tanto con contidos diferentes ao resto do Estado. Afeoulle ao conselleiro que manteña unha “posición política de defensa dunha decisión partidista do PP” que resulta “impropio” do goberno galego e que “a comunidade educativa non se merece”.