Advirte que o Sistema Universitario de Galicia conta coa segunda plantilla máis envellecida do Estado, e anticipa que en 10 anos xubilarase o 25 por cento do profesorado
O portavoz de Universidade do Grupo Socialista, Julio Abalde, reclamoulle hoxe á Xunta que poña en marcha un Plan propio para renovar ao profesorado universitario galego, ademais de sumarse ao Programa de Incorporación de Talento Docente e Investigador do Estado. Abalde presentou unha pregunta oral en Comisión na que alertou de que as universidades galegas contan coa segunda plantilla máis envellecida do Estado.
O responsable socialista advertiu que o 25 por cento do persoal universitario supera os 60 anos nestes momentos, e sinalou que nos próximos 10 anos xubilarase o 25 por cento do profesorado, que no caso da USC aumentará ata o 32 por cento, xa que é a Universidade coa maior idade media do Estado.
Por iso reclamoulle ao goberno galego que exerza a súa competencia exclusiva en materia de profesorado universitario poñendo en marcha un Plan de rexuvenecemento das plantillas que estea dotado do financiamento necesario. Ademais, reclamoulle que se sume ao Programa de Incorporación de Talento Docente e Investigador ao que o Goberno central vai destinar 150 millóns de euros para contratar a 3.400 profesores en toda España, 140 deles en Galicia.
Esixiulle á Xunta que garanta o financiamento das universidades e retire as restricións que impiden contratar profesorado. Explicou que a limitación do financiamento estrutural dos plans de financiamento da Xunta, así como a aplicación do límite de masa salarial, unido á taxa de reposición imposta polo goberno de Rajoy, e que será suprimida no ano 2025 polo actual goberno, impiden ás universidades aumentar as plantillas ou conseguir fondos.
Chamou ao goberno galego a aproveitar a eliminación da taxa de reposición e a Lei Orgánica do Sistema Universitario aprobada en 2023, que pon as bases para modernizar as universidades a través dun novo modelo de profesorado baseado nunha carreira profesional definida, transparente e sólida.