Alerta da caída da produción do 80 por cento nos bancos marisqueiros da Costa da Morte e critica a falla de medidas concretas no Plan de sustentabilidade do goberno galego
O Parlamento aproba unha iniciativa socialista para reclamarlle á Xunta un Plan de recuperación da produción marisqueira na ría de Arousa
O portavoz de Pesca e Marisqueo do Grupo Socialista, Julio Abalde, lamentou hoxe que a Consellería de Pesca non prevea “nin unha sola medida” para apoiar ás persoas que viven do marisqueo e que están a padecer unha caída drástica da produtividade. O responsable socialista presentou unha pregunta oral na Comisión de Pesca para reclamarlle á Xunta apoio para o sector nos bancos marisqueiros da Costa da Morte.
Advertiu que os bancos de Camariñas, Ponteceso ou Anllóns están a rexistrar unha caída de preto do 80 por cento na produción de ameixa e berberecho, que ten un impacto directo na economía das familias que dependen deste recurso e que “non poden agardar” 2 ou 3 anos a que a Xunta remate coas súas investigacións. Alertou da urxencia da situación de milleiros de familias na Costa da Morte pero tamén no resto de Galicia que “necesitan axuda para sobrevivir”.
Criticou que o Plan Xeral de Sustentabilidade do sector marisqueiro anunciado polo goberno galego carece de medidas concretas para recuperar a produción e tamén para apoiar ás mariscadoras “fundamentalmente mulleres” que dependen do marisqueo. Lamentou que centren as intervencións en “obras e infraestruturas” pero “botamos en falta preocupación pola xente, polos traballadores e traballadoras do mar que están de novo sen poder faenar e levar diñeiro á casa”.
Urxiu a poñer enriba da mesa medidas que garantan a sustentabilidade do sector “en 2024, non dentro de 2 ou 3 anos, cando teñan todo monitorizado, pero que sexa tarde porque o sector teña desaparecido”. Resumiu que “as persoas necesitan axuda do goberno galego, ben incrementando a produción ou ben con axudas”.
Iniciativa aprobada
A Comisión de Pesca aprobou unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que faga un estudo en profundidade sobre a perda de produción marisqueira na ría de Arousa e a continuación poña en marcha un plan de recuperación. O portavoz de Pesca e Marisqueo do Grupo socialista, Julio Abalde, esixiulle ao goberno galego que asuma as súas competencias e “se poña a traballar” porque o sector está “canso” e “quere escoitar” as medidas que van poñer enriba da mesa.
O responsable socialista criticou que o goberno galego carece a día de hoxe de ningún plan establecido para recuperar a produción da ría máis alá dunha “acumulación de medidas puntuais”, porque “é o momento de actuar”. Advertiu que “non basta con dicir que van facer un estudo e un programa, senón que teñen que comezar a actuar” porque, remachou, “se non toman medidas efectivas estarán a facer brindes ao sol”.
Reclamoulle ao goberno galego que “deixen de botar balóns fóra” sinalando a goberno central e concellos e recoñezan que contan coa competencia exclusiva sobre o marisqueo. Sinalou que o goberno central vén de poñer enriba da mesa 6 millóns de euros para despregar un Plan de Ciencias Mariñas, que “é a súa función”, xa que carece das competencias de marisqueo que si ten o goberno galego.
A iniciativa incluía tamén unha petición do Grupo Socialista para pedirlle á Xunta que comece de forma gradual a facer a dragaxe da ría, de forma que permita avaliar o seu impacto real sobre a produción marisqueira da ría. Este punto tivo que ser retirado do acordo final porque o PP se negou a apoialo.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a: