Ademais deste compromiso, o goberno galego respondeu a preguntas do deputado socialista Julio Abalde, que o peche do CEIP Pepe Xan Baña “non estaba enriba da mesa”
O PSOE acadou hoxe o compromiso do goberno galego de rehabilitar integramente o CEIP Barrié de la Maza de Santa Comba. Un centro que, como sinalou o deputado socialista Julio Abalde, “precisa dunha reforma urxente logo de que fai un ano desprenderase parte do teito dunha aula”. Un incidente do que afortunadamente unha profesora saíu ilesa pero que dá conta do deficiente estado no que se atopaba este centro educativo. “Estamos a falar de importantes deficiencias que afectan a un centro que ten preto de 50 anos e que da servizo máis de 400 nenos e nenas da zona de Santa Comba”.
Abalde recordoulle ao Secretario Xeral de Educación, que esta pregunta recolle unha vella demanda da comunidade do centro. Unha situación perfectamente coñecida pola Consellaría, que xa ten recibido ata catro comunicacións por parte da dirección do centro solicitando unha renovación urxente das instalacións ao ser un claro risco para toda a comunidade educativa. Unha demanda que leve sendo reiterada dende a Dirección, o consello escolar ou a propia ANPA, á que tamén se suma o Grupo Municipal Socialista de Santa Comba. E que “segue sen ter unha resposta axeitada da consellería”.
O deputado socialista lembrou que o Grupo Socialista no Parlamento de Galicia xa incorporara esta reforma integral, para que a Xunta de Galicia incluíse de maneira inmediata no seu Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, como emenda nos Orzamentos de Galicia para 2023. Unha emenda que foi rexeitada polo Grupo Popular.
Ante a pregunta dos socialistas a consellería de Educación anunciou o encargo do proxecto de rehabilitación integral do CEIP Barrié de la Maza de Santa Comba que levará a substitución da cuberta, illamento térmico, substitución de toda a carpintaría exterior, incorporación do sistema SATE nas fachadas, cambio de iluminación a tecnoloxía LED xunto con falsos teitos acústicos e cambio da carpinteira exterior. Un proxecto que estará listo en 3 meses e que suporá unha inversión mínima quedaría de 1,5 millóns de euros.
Outra das cuestións que se lle preguntou ao Secretario Xeral de Educación na Comisión 4ª de Educación e Cultura foi sobre a situación do CEIP Pepe Xan Baña, outro centro educativo de Santa Comba que se atopa nunha situación similar con importante deficiencias. Unha circunstancia que fai que o socialistas galegos sospeiten de que a Xunta, ante o estado do edificio e a baixada de matriculas, faga o mesmo que noutros concellos de Galicia, pechar o centro. Ao que dende a consellería se traslada que “o peche do centro non se contempla”.
SITUACIÓN DOUTROS CENTROS EDUCATIVOS
O deputado tamén sinalou na súa intervención a situación na que se atopan moitos outros centros educativos que teñen máis de 50 anos dende a súa construción e que precisan dun proceso intenso de rehabilitación. Falamos de numerosos centros espallados polo territorio do noso país que precisan mellorar os espazos educativos, a través de inversións que posibiliten a dixitalización do centro, e a súa mellora no eido da eficiencia enerxética. Ademais de incorporar neses espazos para novos servicios educativos diferentes aos que se ofrecían fai xa medio século (comedores escolares, actividades de conciliación, etc.).
Por todo isto, os socialistas preguntaron polos criterios que rexen o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica para programar e priorizar anualmente as rehabilitacións nestes centros educativos. Todo isto pesar de que a Xunta de Galicia recibiu fondos europeos do Plan de Recuperación e do MRR para precisamente rehabilitar estes edificios públicos no eido educativo, e que no ámbito universitario, a diferenza doutras comunidades, “en Galicia rehabilitouse 0 centros universitarios”. Por todo isto o deputado socialista Julio Abalde, demandou que dende a consellería de educación se fixera público a planificación de rehabilitación de centros educativos, para que esta sexa coordinada cos concellos e coas comunidades educativas.