Censura que o goberno galego remitise as “manifestacións de interese” para “recoller ideas” para a captación dos Next Generation cando España xa enviara o Plan Nacional de Recuperación e Resiliencia a Bruxelas e despois de publicitar os supostos 354 proxectos
O voceiro de Economía do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco Rivera, denuncia “falla de criterio e orientación” da Xunta con respecto aos fondos europeos Next Generation. Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento, a través da presentación dunha pregunta ao goberno galego.
“Están instalados na propaganda permanente”, censurou o responsable socialista logo de saber que o goberno galego anunciou o pasado 30 de abril convocatorias de manifestación de interese respecto aos proxectos europeos “unha vez que o Plan Nacional de Recuperación e Resiliencia xa fora remitido a Bruxelas e toda vez que a Xunta xa ten publicitado os 354 proxectos da denominada candidatura galega”.
O obxectivo das manifestacións de interese era recoller ideas e identificar proxectos en diferentes áreas susceptibles de captar fondos para, deste xeito, elaborar por parte do goberno de España as convocatorias de axudas que rexerán na adxudicación de proxectos.
De feito, ao contrario do que sucedeu noutras comunidades autónomas como País Vasco, Valencia ou Baleares que si lanzaron as súas manifestacións de interese en tempo e forma para conformar as respectivas candidaturas autonómicas con carácter previo ao 30 de abril, “Galicia non fixo absolutamente nada” antes desta data.
Finalmente, o voceiro socialista criticou que a “denominada candidatura galega” aos fondos europeos realizada por parte da Xunta por conformarse “de xeito totalmente opaco, sen transparencia e sen coñecemento algún das forzas políticas” que conforman a oposición no Parlamento galego. Ademais, censurou a “falla de diálogo” con axentes sociais e políticos”.