Critica o “auténtico abuso” do goberno de Feijóo que, dende o ano 2017, modificou 112 leis a través deste procedemento
O voceiro de Economía do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco Rivera, censurou que a lei de acompañamento sexa “papel mollado” tralas 39 emendas presentadas polo PP, xa que isto “é un auténtico abuso” e unha técnica lexislativa “inasumible” para que os deputados e deputadas “poidamos intervir nas decisións sobre a lexislación”.
Fíxoo, hoxe, no debate á totalidade do proxecto de lei de medidas fiscais e administrativas para 2022 onde lamentou que “o propio PP emende á Xunta para baixar a tributación das rendas altas”. Así, censurou, o goberno galego está instalado “na dialéctica” de anunciar “constantemente baixadas de impostos”, ao tempo que mantén unha “confrontación permanente co estado reclamando máis e mellor financiación”.
Ao fío disto, Francisco Rivera censurou a falla de transparencia da Xunta ao modificar 30 normas, 26 leis e 4 decretos lexislativos, a través da denominada lei de acompañamento.
“Esta lei de acompañamento amosa que en Galicia se lexisla a impulsos e evidencia unha ausencia de planificación sobre o que debe ser e conformar a lexislación” galega, sentenciou o voceiro socialista logo de lamentar que, con este xeito de lexislar, a Xunta do PP tente evitar o debate lexislativo na Cámara galega, o que supón “un retroceso democrático”.
“CAIXÓN DE XASTRE”
Con todo isto, Francisco Rivera criticou que a lei de medidas administrativas e fiscais sexa empregada como un “caixón de xastre”, unha “auténtica lei omnibus” ao modificar outras múltiples leis que nada teñen que ver cos orzamentos, unha técnica “impropia” e “desaxustada” que “produce unha grave afectación sobre a seguridade xurídica” polos contidos heteroxéneos e a “subtracción” que provoca o debate público sobre as diferentes materias obxecto desta regulación.
O goberno de Feijóo utiliza este mecanismo “de xeito habitual” para emendar todo tipo de leis previas dende hai anos, aínda que non teñan que ver con cuestións tributarias, lamentou o socialista, quen sinalou que, dende o ano 2017, a Xunta “leva modificado 112 leis a través deste procedemento”.
Con este sistema, destacou, a lei impide coñecer “con rigor e profundidade” as cuestións incluídas nela, “obtendo como resultado o empeoramento da calidade política e xurídica do debate parlamentario e mesmo da calidade democrática”, xa que ademais con estes procedementos “evitan informes que son lóxicos e necesarios nun proceso lexislativo”.